Tras GMail e Calendar, Google vén de lanzar unha nova versión de Google Maps con Material Design e sabor a piruleta, Con esta novidade vaise completando o círculo das Google Apps xa adaptadas a Android 5.0 Lollipop e a súa novidosa interface que tanto nos gusta.
En canto a funcionalidades, o novo Google Maps non achega moitas novidades, aínda que si é certo que integra melloras en Explorar, con información extra dos lugares e facendo máis fincapé nas opinións da xente, algo que agradecemos unha vez morto Foursquare.
Na liña do que vimos na versión anterior, Google Maps ten unha maior integración con Uber, con cálculos do tempo que nos pode levar ir a un lugar empregando dito sistema de transporte, ademais de OpenTable, un servizo de reserva de mesas en restaurantes bastante popular nos USA. Lamentabelmente ambas as dúas características apenas teñen incidencia no noso País, polo que son para nós anecdóticas.
A actualización irá chegando pouco a pouco aos nosos Android, aínda que se non queredes agardar podedes descargar o ficheiro apk desde esta ligazón e instalala de xeito manual, lembrando ter habilitadas as orixes descoñecidas.
Que vos parece?