O Nexus 6 é seguramente un dos trebellos máis destacados do que levamos visto este ano. Para moitas un fracaso, tanto polo seu tamaño como polo seu prezo, aínda que se cadra supón a madurez dunha saga.
Desde onte, o novo trebello de Google aparece na Play Store do noso País (iso si, “dispoñíbel proximamente”) xunto co seu prezo. 649 € a versión de 32 GB e 699 € a de 64 GB. Xunto a el temos tamén dúas fundas, unha transparente con soporte integrado, e outra tipo libro.
A primeira delas custa 30 € e pesa 60 gramos. Dispón na parte traseira dunha pestana plástica (si, é horríbel) que nos permite manter de pé o trebello, algo que pode resultar interesante se o empregamos para ver vídeos con relativa frecuencia. A outra, que custa 35 €, permítenos protexer a pantalla do trebello e ten espazo para gardar cousas como tarxetas (aínda que xa sabedes que as magnéticas non se levan ben cos smartphones); así mesmo, tamén ofrece a posibilidade de manter o dispositivo de pé.
Nós temos moitas ganas de probar o novo Nexus 6, que ademais vén con Android 5.0, a primeira versión de Android en galego. E vós?