Analizamos o Samsung Galaxy Alpha

A capacidade de Samsung para fabricar terminais é indiscutíbel, e o Samsung Galaxy Alpha é unha boa mostra disto. Tradicionalmente, o material elixido por este fabricante para os seus trebellos era o plástico, mais nos últimos tempos unha corrente cada vez máis ampla estaba a reclamar a introdución de novos materiais, como o metal. A resposta é, precisamente, este terminal que hoxe analizamos.

Deseño e pantalla.

galaxy alpha 1

O que de primeiras chama a nosa atención, é o seu acabado. Se ben é certo que mantén a tapa posterior de plástico, os bordes de aluminio e o seu reducido peso, só 115 gramos, fan que ao telo na man teñamos a sensación de posuir un terminal moi premium, que é o que pretende Samsung con esta nova gama.

galaxy alpha atras

Estamos diante dun terminal contido en canto a tamaño, pois ten unha pantalla de 4,7 polgadas e as súas dimensións, 132.4 x 65.5 x 6.7 mm, fan que sexa moi cómodo de agarrar cunha soa man. A disposición elixida para os diferentes botóns tamén xogan ao seu favor, axudando a un cómo uso diario.

galaxy alpha

No lateral dereito, só temos o botón de desbloqueo, totalmente ao alcance do dedo polgar. Na parte inferior sitúase o altofalante, o micrófono e o conector de carga. Á dereita está o botón de subir/baixar volume e na parte superior o conector mini jack máis o micrófono de cancelación de ruído. Como símbolo característico da empresa coreana, na parte frontal seguimos a ter o botón físico e dous táctiles.

En canto a pantalla, estamos diante dun pánel SuperAMOLED a 720p de 312ppi que tendo en conta que é unha pantalla de 4,7″ chega para ter unha boa experiencia de uso. Para o uso en exteriores non teremos maior problema polo elevado brillo da pantalla.

Especificacións e hardware.

Galaxy Alpha
Polgadas/Resolución/ppi 4,7 / 720×1280 / 312
Procesador Exynos 5 Octa 5430, un Quad-core 1.8 GHz Cortex-A15 e outro quad-core 1.3 GHz Cortex-A7
GPU Mali-T628 MP6
RAM 2 GB
ROM 32 GB
Batería 1860 mAh
Cámaras 12 mpx / 2,1 mpx

Este foi o hardware elixido por Samsung ao que lle temos que engadir como novidade un lector de ritmo cardíaco e a posibilidade de desbloqueo usando a pegada datilar. Debemos sinalar que como novidade, algo que sorprendeu a moitos, non temos a posibilide de aumentar a memoria interna xa que desta volta, Samsung non incluiu ningún slot de expansión.

Ás opcións de conectividade habituais que xa damos por supostas nun terminal destas características (NFC, Wifi Direct, A-GPS, GLONASS), temos que sumar a capacidade 4G, que nos permite conectarnos ás redes máis rápidas dispoñíbeis actuamente.

Software.

O Galaxy Alpha funciona con Android 4.4.4 KitKat (aínda non hai confirmación oficial da súa actualización a Lollipop, pero dámola por feita) e a capa de personalización, como de costume é TouchWiz. Debemos mencionar a cantidade de software que aporta Samsung nos seus terminais de gama alta, da que queremos destacar:

  • S-Health: as apps relacionadas coa saúde xa son habituais axudadas pola maior presenza no mercado de cuantificadores de actividade física. S-Healh da un paso máis e por ela mesmo xa permite facer algunhas medicións: pasos, km, ritmo cardíaco,..

alpha 01

  • Pantalla partida: aínda que non é imprescindibel nun terminal deste tamaño, podemos usar dúas app á vez na pantalla

alpha 02

  • Caixa de ferramentas na que podemos configurar até 5 apps para ter un acceso rápido a elas.

alpha 05

alpha 04

  • Air view: funcionalidade que ao pasar o dedo por riba dunha foto na galeria, por exemplo, esta agrándase para ter unha pre-view máis axeitada.
  • Modo sinxelo: con este modo temos iconas máis grandes ademáis dun launcher máis simple. Con esta funcionalidade, Samsung pensa en todo tipo de usuarios.

Cámara.

Queremos destacar que o Galaxy Alpha leva un sensor ISOCELL fabricado pola propia Samsung de até 12mpx de resolución (4608 x 2592 pixeles). Este sensor da unhas cores máis reais, sobre todo cando facemos fotografías con pouca luz.

Non é das mellores cámaras do mercado pero en termos xerais cumpre satisfactoriamente. Compartimos con vós, algúns exemplos:

En situacións normais de luz, como vemos os resultados son bos. Se facemos fotos de preto, vemos que o nível de detalle e claridade tamén pode aledar aos máis exixentes.

Podedes atopar máis mostras na nosa galería de Flickr.

Batería.

Este foi outro dos puntos que nos chamou moito a atención, xa que de primeiras vemos que é unha batería extraíbel de tan só 1860mAh, que poden parecer poucos. Nada máis lonxe da realidade.

alpha 03

Como vemos na captura, logo dunha xornada de traballo chegamos ao final do día cun 15% de batería, tendo a pantalla acesa durante pouco máis de 3 horas e 30 minutos.

Inclúe tamén un modo ultra aforro de enerxía que xa viramos no Galaxy S5, no cal só quedan activos o teléfono, mensaxes e Internet, aos que lle podemos engadir 3 aplicacións máis dunha listaxe predeterminada. Ademáis a pantalla vólvese a branco e negro, conseguindo estirar o suficiente esas derradeiras gotas de enerxía.

Conclusións.

Logo dunha semana de uso, podemos afirmar que tivemos moi boas experiencias; o terminal ten un bo rendemento tanto en tarefas exixentes, como pode ser un xogo, e, como non podía ser doutra forma, tamén no día a día. Un aspecto que non nos gustou moito é a colocación do altofalante na parte inferior: é certo que na maioría das situacións non teremos maior problema, pero se xogamos podemos tapar a saída de son tendo unha experiencia deficiente.

Para ir rematando cómpre sinalar que estamos a analizar un produto diferente. É obvio que non se trata do terminal máis punteiro en canto a especificacións técnicas, mais o conxunto é un trebello moi interesante. Estamos a falar de acabados metálicos, un dispositivo lixeiro e con bo rendemento, tacto agradábel e deseño altamente atractivo.

Ademais de abrir unha nova de produto con este Galaxy Alpha, Samsung vai un paso máis alá, apostando por cámaras e procesadores fabricados por eles mesmos, eliminando así a dependencia de terceiros. Será o futuro un Samsung fabricado integramente por Samsung?

O Galaxy Alpha custa un 500 euros no mercado libre. R, quen nos prestou este trebello para analizar, teno dispoñíbel desde 16 €/mes.

Sobre o autor

Reply