LG vén de anunciar a nova serie G Pad, tres tablets que se adaptan ás diferentes necesidades das usuarias en canto a tamaños, xa que están dispoñíbeis en 7, 8 e 10.1 polgadas. Os trebellos destacan especialmente polo seu deseño, claramente inspirado nos smartphones máis punteiros da compañía, como o LG G3, ademais de polas súas pantallas e alta autonomía.
A máis pequena das tres, a LG G Pad 7.0, está orientada ao entremento, xa que se adapta perfectamente ao tamaño da man. Un paso máis aló vai a G Pad 8.0, cuxas opcións de conectividade (hai versión WiFi e 4G) fan que sexa un trebello idóneo para a mobilidade. Pecha a listaxe a G Pad 10.1, que grazas á súa gran pantalla e á batería de 8000 mAh que asegura unha gran autonomía enerxética, é o dispositivo idóneo para ter numerosas horas de entretemendo audiovisual.
Na seguinte táboa podemos comparar as especificacións das tres.
G Pad 7.0 | G Pad 8.0 | G Pad 10.1 | |
Pantalla | 7” (1200 x 800) | 8” (1200 x 800) | 10.1” (1280 x 800) |
Procesador | Quadcores a 1,2 GHz | Quadcores a 1,2 GHz | Quadcores a 1,2 GHz |
RAM | 1 GB | 1 GB | 1 GB |
Memoria | 8 GB (+ microSD 64 GB) | 16 GB (+ microSD 64 GB) | 16 GB (+ microSD 64 GB) |
Cámaras | 3 / 1.3 Mpx | 5 / 1.3 Mpx | 5 / 1.3 Mpx |
Batería | 4000 mAh | 4200 mAh | 8000 mAh |
Conectividade | WiFi | Wifi / 4G | WiFi |
Cores | Branco / negro | Branco / negro | Branco / negro |
Todas veñen con Android 4.4 KitKat, actualizábel, cunha capa de personalización pouco invasiva que detaca por incoporar ferramentas de cara a sacarlle máis partido aos trebellos, como QPair 2.0, que nos permite sincronizar a tablet co smartphone, vendo nesta as notificacións do móbil e podendo interactuar con elas e mesmo responder chamadas.
As tres tablets xa están á venda no noso País por 149 € (G Pad 7.0), 199 € (G Pad 8.0 WiFi) ou 249 € (G Pad 10.1).