Xa pasou algún tempo desde que analizamos o LG G Watch, un dos primeiros reloxos con Android Wear en ver a luz, aínda que non o que máis mirades está a acaparar. Son o sucesor deste, o G Watch R e o Moto 360 de Motorola os que chamaron a atención dun público cada vez máis interesado nos wearables, trebellos chamados a mudar a nosa vida.
Con moitas ganas, mais tamén con moitas precondicións iniciais, probamos o Moto 360, un reloxo que namora desde o momento en que sae da súa caixa. Non perdas detalle da nosa análise dun dos candidatos a produtos do ano.
Deseño, acabado e conexións
Se tivéramos que definir o Moto 360 cunha única palabra, sería fermoso. O reloxo ten un deseño altamente atractivo, con pantalla redonda e acabados en metal. A pulseira está integrada no propio dispositivo, que en conxunto resulta máis lixeiro do que agardabamos inicialmente. Conta cun botón físico que nos lembra ao dos reloxos analóxicos tradicionais, aínda que sen apenas uso, xa que as súas funcións poden ser suplidas por alternativas máis lóxicas e cómodas ca un clic físico. Iso si, dálle un punto máis de beleza estética.
O cristal da pantalla sobresae un pouco do conxunto do reloxo, o que provoca un pequeno efecto lumínico ou reflexo ao estar acendida, nada molesto. O que si é molesto é o a famosa franxa negra situada na parte inferior da pantalla, que recurta esta evitando que sexa unha esfera perfecta. Dependendo da interface que teñamos seleccionada para o reloxo pode resultar terribelmente fea, aínda que este apartado ten a súa razón de ser, pois tras esa banda temos os sensores de de luz.
Na parte traseira temos o pulsómetro que nos permitirá controlar as pulsacións do noso corazón cando queiramos. O que non temos é punto de carga, porque esta é por inducción, un aspecto que nos gustou especialmente, xa que nos libera de feos conectores.
O Moto 360 é resistente á suciedade e á auga segundo o estándar IP67, polo que non temos que preocuparnos moito ante salpicaduras e pequenos somerxementos.
Pantalla
A pantalla do Moto 360 é de 1,56 polgads, cunha resolución de 320 x 290 píxeles. Está protexida por Gorilla Glass fronte pequenos golpes e rabuñadas. Por tamaño pareceunos abonda, e gustounos moito a súa visibilidade en ambientes con moita luz, onde realmente temos unha experiencia sen reflexos e cun visionado perfecto.
Sistema operativo e experiencia de uso
Como xa comentamos, o Moto 360 leva Android Wear como sistema operativo, que malia ás pequenas actualizacións que foi recibindo desde o momento no que analizamos o LG G Watch, non achamos moitas diferenzas nese sentido. Si que é certo que desde aquela chegaron novas aplicacións adaptadas a wearables que fai que teñamos unha experiencia moito máis completa.
Temos pois un aparello que nos permite visualizar moitas das notificacións do smartphone, e en moitas ocasións levar a cabo funcións como responder a mensaxes mediante ditado de voz ou abrilas no teléfono. Se cadra o uso máis espectacular é o asociado a Google Now, respondendo a preguntas que lle formulemos e permitindo realizar axustes relacionados coas alarmas, eventos de calendario, recordatorios, etc.
A función reloxo é unha das obvias, pero non por ilo menos importante. Podemos modfiicar a súa interface entre as diferentes opcións que nos ofrece Motorola, personalizábeis ademais a través da aplicación Motorola Connect, non necesaria para unha experiencia básica, pero útil para ter máis opcións coas que xogar.
Ao igual ca no resto de trebellos Wear, a través da aplicación Android Wear podemos modificar os axustes e buscar novas apps adaptadas a smartwatches, que hai un numero cada vez maior.
Batería
A batería é se cadra o aspecto máis negativo do moto 360, aínda que non tanto como pensabamos. Foi un tema do que se falou moito, xa que os primeiros resultados de duración eran ridículos. Porén, á hora de probar o dispositivo xa dispúñamos da actualización KGW42R, mellorando a autonomía.
Se falamos de resultados prácticos, para un uso moderado obtemos pouco máis de 24 horas. Falamos dun uso habitual de centro de notificacións e consulta dalgunhas mensaxes. Agora ben, se somos usuarias activas e respondemos mensaxes ditando voz ou consultamos cousas nel chegaremos a unha xornada de uso.
A carga realízase por indución colocando o trebello unha base moi estética e cómoda para ter a mesiña de noite, xa que ademais activa un modo carga moi vistoso, perfecto para cando queremos pechar os ollos. Trátase dun proceso bastante rápido, polo que se esquecemos enchufalo cando debiamos pode poñerse a punto sen longas esperas. Iso si, ten o punto negativo de que se somos das que andamos dun lado para outro isto é algo molesto, xa que estamos obrigados a cargar cun accesorio extra, pois non temos outra opción de carga. É o prezo a pagar pola estética.
Conclusións
Novamente estamos ante un trebello sobredimensionado en canto a especificacións técnicas, polo que non teremos problema á hora de mover o sistema operativo; a experiencia é óptima. Ten 4 GB de memoria interna e 512 MB de RAM, xunto un procesador TI OMAP 3. Emprega Bluetooth 4.0, o que fai que teña un consumo de batería bastante baixo.
Gustounos moito polo seu deseño e experiencia xeral do uso, sacando o defecto da banda negra en panalla e a batería, aínda que este último inconvinte é algo criticábel na práctica totalidade de trebellos deste estilo.
Sobre a necesidade de mercalo ou non, trátase dunha elección moi persoal. Para nós os smartwatches son ferramentas moi útiles e quizais xa algo necesarias, aínda que entendemos que é un mercado aínda pouco maduro, polo que aquelas usuarias non tan early adopters poderían ver premtaura esta necesidade. Iso si, de querer mercar un smartwatch, este estaría sen dúbidas entre as dúas primeiras opcións.
O Moto 360 está dispoñíbel por 249 € en tres cores: negro, gris e pedra.
Que vos parece?