Google non está a introducir todas as novidades de Android 5.0 nos dispositivos anteriores

Lollipop

Cada vez que hai unha nova actualización de Android a pregunta máis habitual que nos facemos as usuarias é: chegará esta nova versión ao meu trebello? Afortunadamente isto foi mellorando nos últimos anos, e cada vez son máis os fabricantes que prestan a este tema a atención que merece.

Son moitas as novidades que integra Android 5.0 ou Lollipop, a versión máis recente do noso sistema operativo favorito, entre elas o soporte nativo para a nosa lingua. Porén, como xa avanzamos, detectamos que o galego (e as outras 14 novas linguas que chegan con Android 5.0) non aparece nin nas imaxes de fábrica nin na actualización despregada esta semana vía OTA para os modelos Nexus anteriores (Nexus 4, Nexus 5, Nexus 7 e Nexus 10), aínda que si vén nos recén presentados Nexus 6 e Nexus 9, como confirmamos esta mañá.

A que se debe isto?

Cando un fabricante presenta un novo smartphone adoita centrar todo os seus esforzos de márketing nel, deixando algo de lado os modelos anteriores. Por iso, aínda que achegue as últimas actualizacións de software, a experiencia nos modelos previos non adoita ser a mesma que no modelo de referencia do momento. Un claro exemplo son os LG G2 e LG G3, que malia ter a mesma versión de Android teñen capas de interface moi diferentes, de cara a potenciar o G3 fronte o trebello anterior.

Até o de agora, estas diferenciacións non adoitaban verse nos dispositivos Nexus, en certa maneira por usar Android stock (puro). Porén, semella que con Lollipop hai unha nova estratexia, moito máis evidente, polo que os novos modelos (Nexus 6 e Nexus 9) teñen a versión de Android 5.0 con todas as novidades presentadas, pero non así os dispositivos anteriores (Nexus 4, Nexus 5, Nexus 7 e Nexus 10).

Características de Android 5.0 – Lollipop non dispoñíbeis nos Nexus anteriores.

Coa axuda dun lector, Javier Tenorio, elaboramos unha listaxe de características de Android 5.0 – Lollipop que, ou ben non están dispoñíbeis en Android 5.0 ou ben están só nalgúns trebellos. Estas son as máis destacadas:

  • Galego: ningún dos modelos Nexus previos trae o galego (nin os outros 14 novos idiomas)
  • Sons: só o Nexus 5 incorpora os novos sons de Android 5.0.
  • Launcher: o Nexus 4, Nexus 7 e Nexus 10 non actualizan o launcher, facendo necesario descargar o Google Now Launcher para disfrutar da nova apariencia. O Nexus 5 si que vén co novo.
  • Transparencias: en vista de que deron problemas con KitKat, decidiron non implementalas na tablet Nexus 10.
  • Cifrado de datos: ningún dos tres modelos implementa o cifrado de datos de Android 5.0 Lollipop.
  • Ambient display: non se introduce en ningún dos Nexus anteriores a funcionalidade Ambient display, que permite espertar a pantalla ao coller o dispositivo ou ao recibir notificacións.
  • Raw: ningún dos tres modelos admite soporte para o formato fotográfico raw.

Non puidemos comprobar todas estas características “esquecidas” nunha Nexus 7, pero a radiografía serve ben para ver que non son poucas as novidades de Android 5.0 que, polo de agora, non podemos disfrutar nos dispositivos Nexus anteriores.

Todo isto súmase aos diferentes erros que se están a detectar nesta nova versión, como a desaparición do modo silencio, o alto consumo de batería ao estar conectado á WiFi e perdas repentinas de cobertura. Ademais, algunha usuarias non poden tampouco enviar SMS desde a aplicación nativa nin desde Hangouts, aínda que si recibilos.

Podemos imaxinar que nas próximas semanas iranse recibindo actualizacións que corrixan estes erros e que, con certa probabilidade, tamén incluirán algunha das características non introducidas desde o comezo.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Ángel Pereira 21 Novembro, 2014 Responder
  2. Álvaro M. Souto 21 Novembro, 2014 Responder

Reply