Honor 3C, un novo smartphone da nova marca comercial de Huawei

Honor 3C Escorzo

Honor, a nova marca comercial de Huawei, vén de estrear novo modelo de smartphone, o Honor 3C, un dispositivo que conxuga prestacións e prezo para dar respostas ás usuarias que buscan un produto de boa calidade sen renunciar a ter un prezo axustado.

O Honor 3C integra unha pantalla HD de 5 polgadas (1280 x 720 píxeles) e no seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, aínda que a capacidade pode ser aumentada con tarxetas microSD de até 64 GB.  A súa batería é de 2300 mAh.

As súas cámara principal é de 8 megapíxeles, mentres que a frontal queda nos 5 Mpx, unha cifra superior ao habitual para conseguirmos mellores selfies. Ten soporte para traballar con 2 microSIM ao mesmo tempo, co que poderemos disfrutar de dúas liñas móbiles sen ter que cargar con dous trebellos.

Fica un paso por detrás na versión do sistema operativo que integra de saída, xa que vén con Android 4.2 Jelly Bean, e non temos novas sobre posíbeis actualizacións a Lollipop (5.0) ou cando menos a Kitkat (4.4).  Sobre esta versión sitúase a capa Emotion UI.

O Honor 3C está dispoñíbel por 139,99 €, un prezo moi axustado para un trebello tan completo. Que vos parece?

 

Sobre o autor

Reply