As mellores opcións para facerse cun smartphone por menos de 200 € (2014)

As que nos ledes desde hai tempo lembraredes que o ano pasado fixemos un ránking dos mellores smartphones e outro das mellores tablets de 2013. Mentres traballamos nas listaxes dos que serán os escollidos do 2014, queremos compartir convosco esta  na que incluímos algunhas das mellores opcións para facernos xa cun smartphone por menos de 200 €. Cómpre sinalar que están ordeados por prezo descendente, non pola nosa orde de preferencia.

BQ Aquaris E5 HD (189,90 €)

bq aquaris e5 hd

A primeira opción está fabricada pola española BQ; trátase do Aquaris E5 HD, un trebello que integra unha pantalla HD de 5 polgadas, procesador Mediatek de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM e cámara de 13 megapíxeles. Vén con Android 4.4 stock, seguramente actualizábel a Android 5.0 – Lollipop.

Sony Xperia M2 (189 €)

sony xperia m2

O Xperia M2 é unha opción económica de Sony, malia que mantén algunhas das especificacións e aspecto de deseño premium dos gama alta da marca. A súa pantalla é de 4,8 polgadas, e no seu interior temos un procesador de 4 núcleos a 1,2 GHz e 1 GB de RAM. A cámara principal é de 8 MPx e a batería de 2330 mAh.  Vén con Android 4.4, sobre o cal temos a capa de personalización habitual de Sony.

Asus Zenfone 5 (179 €)

asus zenfone 5

O Asus Zenfone 5, que por certo vimos de analizar recentemente, é se cadra o máis completo de todos. Vén cunha pantalla de 5 polgadas, procesador Intel Atom Z2560 multicore a 1,6 GHz e 2 GB de memoria RAM. Ten capacidades dual SIM, cámaras de 8 e 2 megapíxeles e sobre Android 4.2.2 leva a interface ZenUI

LG L Bello (179 €)

lg l bello

O LG L Bello está inspirado no actual dispositivo de referencia de LG, o LG G3. Integra unha pantalla IPS de 5 polgadas, procesador quadcore a 1,3 GHz, 1 GB de memoria RAM, cámara principal de 8 Megapíxeles e batería e longa duración de 2540 mAh. Vén con Android 4.4.2 (KitKat), con personalización propia do fabricante, entre as que se inclúe o sistema de desbloque Knock Code.

Huawei Ascend P7 Mini (175 €)

huawei ascend p7 mini

A versión “mini” do Ascend P7 de Huawei é outra das opción que debemos considerar. Integra unha pantalla de 4,5 polgadas, procesador Qualcomm de catro núcleos a 1,2 GHz e 1 GB de memoria RAM. A súa cámara principal é de 8 Mpx, aínda que chama a atención a frontal, con 5 Mpx. A interface software é Emotion UI Lite 2.0, sobre Android 4.3 e é compatíbel coas redes 4G.

Motorola Moto G – 2014 (174 €)

motorola moto g 2014

Trátase quizais dun dos smartphones máis compensados na súa relación hardware – software, que ademais emprega Android stock cunha política de actualizacións semellante á das gamas Nexus de Google. Ten pantalla de 5 polgadas, procesador de catro núcleos Qualcomm SnapDragon 400, 1 GB de memoria RAM, cámara principal de 8 megapíxeles e dual SIM.

 HTC Desire 310 (149 €)

htc desire 310

Unha das opcións máis económicas chega da man de HTC, un terminal que non está a dar moito que falar este ano. O máis económico desta listaxe vén con pantalla de 4,5 polgadas, procesador MediaTek de 4 núcleos, 1 GB de memoria RAM e cámara de 5 megapíxeles. En canto a software destaca a integración do HTC BlinFeed sobre Android 4.2 (Jelly Bean).

Honor 3C (139,99 €)

huawei honor 3c

Deste terminal xa vos falamos fai apenas un par días e volvémolo meter nesta listaxe porque pensamos que é unha boa opción por debaixo dos 200 €. Lembremos que é un terminal 5 polgadas (1280 x 720 píxeles) e no seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, aínda que a capacidade pode ser aumentada con tarxetas microSD de até 64 GB. Neste Honor 3C atopamos Android 4.2 Jelly Bean complementado coa capa de personalización Emotion UI.

Xiaomi Red Rise 1S (129,99 €)

xiaomi-red-rice-1s

Queremos destacar este modelo da empresa chinesa Xiaomi porque aporta a característica máis diferenciadora dos terminais desta listaxe. Non temos Android oficial no seu interior se non una ROM de garantía como é MIUI v5 baseada en Android Jelly Bean 4.3. Lembremos que estamos diante dun terminal de 4,7 polgadas IPS e FHD, con procesador Snapdragon 400 e 1 GB de RAM. Para almacenar as nosas fotos, instalar aplicacións,… temos 8 gigas complementados cun slot para microSD até 32 GB.

Energy Phone Neo (119 €)

Energy-Sistem-Phone-Neo

Esta unidade fabricada por Energy Sistem e o máis barato que atopamos e conta cunhas características moi interesantes. Destacamos o procesador dualcore Cortex A7 a 1.3 GHz e a súa GPU Mali 400 apoiados por 1 GB de ram. A súa memoria interna é de 4 GB ampliábeis até 64 GB cunha tarxeta microSD. A pantalla é de 4,5 polgadas con tecnoloxía IPS qHD. Ademáis queremos destacar que permite conectar dúas SIM (1 x microSIM e 1 x SIM). A nível de software, atoparemos Android Jelly Bean 4.2.

Os prezos que publicamos son orientativos, todos para tendas en liña, aínda que varios coinciden co prezo offline. Que vos parece?

Sobre o autor

No Responses

Reply