Os mellores móbiles do ano (2014)

A semana pasada publicamos unha selección dos 10 mellores smartphones por menos de 200 €, como preámbulo deste post máis ambicioso no que seleccionamos, nin máis nin menos, os 10 mellores móbiles do 2014.  Coincide que na súa inmensa maioría son dispositivos da chamada gama alta, polo que quixemos facer unha mención especial a un trebello que reúne boas prestacións hardware e software cunha relación calidade e prezo case inmelorábel.

1. Samsung Galaxy Note 4 (650 €)

Encabezando a nosa listaxe dos mellores smartphones do 2014 está o Samsung Galaxy Note 4. Foron moitas as que se mofaron anos atrás cando Samsung presentou a súa primeira phablet: que se non tiña sentido empregar stylus, que se era moi grande… o tempo deulles a razón e o Galaxy Note 4 é a conxugación do mellor hardware da compañía cun sistema operativo optimizado e completado con ferramentas e utilidades específicas como resultado da experiencia adquirida nos anos que leva a saga.

galaxy note 4

Incorpora unha pantalla SuperAMOLED de 5,7 polgadas (1440 x 2560 píxeles e protección Gorilla Glass 3), procesador Qualcomm Snapdragon 805, de catro núcleos a 2,7 GHz, 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna. A cámara frontal é de 16 megapíxeles, con estabilizador óptico, mentres que a frontal fica nos 3,7 Mpx. A súa batería é de 3220 mAh.

2. Nexus 6 (649 / 699 €)

O seguinte neste top 10 é o Nexus 6, o trebello que supón a maduración de Google en canto a hardware e gama Nexus. Está fabricado por Motorola, e quizais por iso son moitas as funcionalidades deste fabricante que se ven reflexadas no trebello de Google. Tamén supón un chanzo adiante, sendo un Nexus demostradamente de gama alta, ademais de ter un tamaño de pantalla que sube ás 6 polgadas, aínda algo vertixinosas para algunhas usuarias, pero que non han tardar en ser estándar.

nexus 6

No seu interior é moi semellante ao Note 4, pois comparte con el procesador (Qualcomm Snapdragon 805, de catro núcleos a 2,7 GHz), 3 GB de memoria RAM e versións de 32 e 64 GBB. As cámaras son de 13 e 2 Mpx e a batería de 3220 mAh, con posibilidade de carga rápida e carga Qi.

3. Sony Xperia Z3 (599 €)

A seguinte mellor opción para nós é o Sony Xperia Z3, un dispositivo que malia ser froito dunha estratexia errática de Sony, resulta no seu conxunto espectacular. Os seus acabados premium, combinados cun deseño fermoso, resistencia a auga e suciedade e longa autonomía fano digno de estar entre os tres primeiros Android recomendados do ano.

sony xperia z3-4

Vén cunha pantalla de 5,2 polgadas, procesador de catro núcleos a 2,5 GHz, 3 GB de memoria RAM e diferentes opcións de memoria interna. A súa cámara principal e espectacular e ten un sensor de 20,7 Mpx. A batería fica nos 3100 mAh e achega unha autonomía real de dous días, superior ao resto de trebellos da competencia.

4. Motorola Moto X 2014 (500 €)

O segundo dispositivo de Motorola en entrar nesta listaxe é o Moto X 2014, o primeiro Moto X de Motorola baixo a batuta de Lenovo e non de Google. Trátase dunha evolución dun produto que xa era de partida bo, pero que este ano mellora os seus puntos febles, como a cámara ou a pantalla. A decisión de Motorola de manter Android puro fai que sexa como un Nexus, polo que de seguro é a opción para aquelas que non queiran gastar o 650 € do Nexus 6 e si pensen nun produto pure Google.

moto x 2014 fronte

Está dispoñíbel en diferentes acabados, quizais o máis chamativo sexa en madeira de bambú. Entre as súas especificacións destacamos unha pantalla de 5,2 polgadas cunha densidade de 400 ppp, procesador SnapDragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHz, 2 GB de RAM e opcións de 16 ou 32 GB. A cámara princial é de 13 Mpx, fabricada por Sony, e a batería de 2300 mAh, quizais este último o aspecto máis mellorábel

5. One Plus One (269 € / 299 €)

O One Plus One foi todo un terminal revelación, un exemplo de que se pode ter un trebello de grandísimas prestacións a un prezo máis que contido. Porén, un sistema de convites que non permite a súa compra directamente causou moitos desánimos e frustración das usuarias. Estas experiencias xustifícanse pola inexperiencia da marca con este primeiro smartphone, que esperamos sirva pra que as cousas vaian ben co dispositivo do ano que vén.

one plus one

Vén cunha pantalla de 5,7 polgadas, procesador SnapDragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHz, 3 GB de memoria RAM e 16 ou 64 GB de memoria interna. A batería, non extraíbel, é de 3100 mAh, e as cámaras de 13 e 5 Mpx.

6. Samsung Galaxy S5 (450 €)

Outro trebello referencial de Samsung é o Galaxy S5, presentado a comezos de ano no Mobile World Congress de Barcelona e que mellorou en moitos aspectos o S4, do ano anterior. Entre a novidades máis destacadas está a súa resistencia  á auga malia ter batería extraíbel, ademais do seu lector de pegadas dixitais situado no botón central da parte frontal do trebello ou o medidor de pulso da parte posterior, moi vencellado ás aplicacións de saúde.

galaxy s5 pantalla

Incorpora unha pantalla SuperAMOLED de 5,1 polgadas e 1080 x 1920 píxeles. procesador SnapDragon 801 de 4 núcleos a 2,5 GHz, 2 GB de RAM e diferentes opcións de conectividade. As cámaras son de 16 e 2 megapíxeles e veñen cunha chea de modos (e máis descargábeis) para sacarlles todo o proveito. A batería é de 2800 mAh moi rendíbeis, ademais de que o propio dispositivo dispón dun modo aforro que multiplica a autonomía.

7. LG G3 (400 €)

O LG G2 foi para nós o mellor smartphone do 2013, e malia que o seu sucesor apuntaba maneiras non acabou de cumprir tan ben as espectativas. Non estamos a dicir que o LG G3 sexa un terminal malo, ningún da listaxe o é, mais non soubo manter o liderado acadado previamente. Convertiuse no primeiro smartphone en incorporar un panel de 5,5 polgadas con calidade QHD (2560 x 1440 – 534 ppp), cunha calidade brutal, pero tamén cun consumo de batería importante que fai que chegue ao final do día xusto.

lg g3 fragas do eume 2

Das súas especificaciósn técnicas destaca, ademais da pantalla, o Snapdragon 801 a 2,5 GHz (mesmo ca Moto X), 2 GB de RAM e diferentes opcións de memoria interna. As cámaras melloran, con sensores Sony de 13 e 2,1 Mpx e láser para enfocado no caso do sensor traseiro. A batería mantense nos 3000 mAh.

8. Huawei Ascend P7 (300 €)

Huawei deu bastante que falar durante todo o ano polo salto cualitativo dos seus dispositivos e polo lanzamento dunha marca alternativa para Europa, Honor. O Ascend P7 supón a maduración da marca, cun dispositivvo que chama a atención polo seu deseño premium e por uns materiais de calidade. Non mellora na mesma medida a interface que integra, non tan xeitosa (por diferente) como a de outras marcas.

huawei ascend p7

Incorpora unha pantalla 1080p de 5 polgadas e no seu interior un procesador fabricado pola propia marca, o HiSilicon Kirin 910, de catro núcleos a 1,8 GHz. Acompáñano 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis. As cámaras son de 13 e 8 megapíxeles, e a batería de 2500 mAh.

9. Samsung Galaxy Alpha (500 €)

Un terceiro trebello selado por Samsung conseguiu colarse no top ten deste ano, o Galaxy Alpha, un dispositivo máis compacto ca os outros dous gama alta da compañía e cun deseño orientado ao público menos techie e máis preocupado pola apariencia (no bo sentido).

galaxy alpha 1

Nos aspectos máis técnicos, o Alpha vén con pantalla de 4,7 polgadas e procesador fabricado por Samsung, un Exynos 5 Octa Core a 1,8 GHz. Ten 2 GB de RAM e 32 GB de memoria interna, batería de 1860 mAh e cámaras de 12 e 2,1 Mpx.

10. Xiaomi Mi4 (295 €)

Pecha esta listaxe unha das chamadas novas opcións chinesas, o Xiaomi Mi4. Se cadra é a mellor opción fronte outras marcas moi a ter en conta, como Oppo ou Meizu, entre outras.

xiaomi_mi4_1_l

Dispón dunha pantalla 1080p de 5 polgadas, procesador SnapDragon 901 a 2,5 GHz, 3 GB de RAM e batería de 3080 mAh capaz de acadar o 60% da súa capacidade en menos dunha hora. As cámaras son de 13 e 8 megapíxeles e está dispoñíbel con 16 ou 64 GB de memoria interna.

Mención especial: Motorola Moto G 2014 (170 €)

Finalmente, e facendo unha mención especial, queremos referenciar o Moto G 2014. Se o ano pensabamos no Moto G como o mellor smartphone para unha gama media, o seu sucesor volve situarse como a mellor opción no compromiso hardware – software, tras unha actualización non moi espectacular pero que afecta a puntos fundamentais.

motorola moto g 2014

O novo Moto G vén con pantalla de 5 polgadas, procesador SnapDragon 400 de 4 núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM e 8 GB de memoria interna. As súas cámaras son de 8 e 2 megapíxeles e a batería de 2070 mAh.

Os prezos dos dispositivos son orientativos, todos eles para tendas en liña, aínda que en varios coincide o prezo online e offine. De todos os xeitos, sempre podemos buscar cupóns de desconto de Amazon en Cupon.es co que conseguir mellores prezos en dispositivos e accesorios dos mesmos.

Sobre o autor

4 Comments

  1. Ru 1 Decembro, 2014 Responder
    • Mallando no Android 1 Decembro, 2014 Responder
  2. Kino 1 Decembro, 2014 Responder
  3. Hadrian 1 Decembro, 2014 Responder

Reply