As responsábeis da aplicación CoPilot seguen ampliando as opcións para que as usuarias poidamos descargar unha das ferramentas máis completas de navegación e mapas para os nosos trebellos móbiles.
Até o de agora podíamos descargar a aplicación desde a Play Store ou a través da páxina web, unha opción para aquelas usuarias de trebellos sen acceso á tenda de apps de Google ou que non quixeran compartir os datos bancarios coa compañía do buscador. A estas opcións súmase agora a tenda de apps de Amazon, un mercado alternativo para dotar de contido os nosos dispositivos.
CoPilot ofrécenos un completo sistema de navegación sen conexión a rede, con presenza de puntos de interese (PdIs) como restaurantes, hoteis ou atraccións nas inmediacións da ruta seleccionada. Toda a información fica almacenada no noso teléfono, polo que é recomendábel realizar a primeira descarga desde unha rede WiFi para non fundir a tarifa de datos. Grazas a isto non teremos problemas para orientarnos cando esteamos sen cobertura ou se por calquera causa non podemos acceder á rede, compo podería ser se estamos en roaming.