HTC vén de anunciar o novo HTC Desire 620, sucesor do HTC Desire 610, un trebello que integra o icónico deseño do fabricante taiwanés con bordes en cores que resultan moito máis atractivos para o público máis novo, sen esquecerse do rendemento interno do dispositivo.
Integra unha pantalla de 5 polgadas con resolución 720 x 1080, procesador Qualcomm Snapdragon 410 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de até 128 GB. A súa batería é de 2100 mAh e poñendo orde a todo este hardware temos Android 4.4, xunto a capa de personalización HTC Sense 6, que inclúe entre outras cousas o HTC BlinkFeed
A experiencia multimedia é un dos atractivos do novo Desire, xa que integra unha cámara principal de 8 megapíxeles e unha frontal de 5 para conseguir autorretratos de maior calidade. Ademais, esta cámara frontal pode gravar vídeos a 1080p, o que supón unha calidade superior á habitual.
É compatíbel coas redes 4G Cat 4 (150 Mbps) e estará dispoñíbel no mes de xaneiro tanto para o mercado libre como a través de operadores. Comercializarase en catro cores: branco con borde azul, branco con borde gris, gris mate con borde gris claro e gris mate con borde laranxa.
Que vos parece?