Se nos preguntaran ás usuarias de Android que queremos nos nosos smartphones, seguramente unha inmensa maioría pediríamos mellores baterías, posto que, en termos xerais, o resto de especificacións e deseños foron mellorando notabelmente nos últimos anos, especialmente neste 2014 que remata.
Porén, moitos fabricantes seguen empeñados en bater récords de delgadez, como é o caso do novo Vivo X5 Max, que sitúa o seu grosor nos vertixinosos 4,75 mm, o que sen dúbida obrigou a facer malabares aos deseñadores para lograr introducir, entre outros, o conector de audio jack 3.5 mm.
As súas especificacións non xogan na liga dos máis mellores do mercado, índa que segue a ser un trebello moi interesante. Ten unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución FullHD e no seu interior un procesador Qualcomm SnapDragon 615 a 1,7 GHz, xungo a 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.
No apartado multimedia, a súa cámara principal é de 13 megapíxeles, con flash LED, e a frontal de 5 Mpx. Dispón de conectividade 4G-LTE, dobre ranura SIM e unha batería de 2000 mAH.
O novo Vivo X5 estará dispoñíbel na China desde o 22 de decembro por uns 400 euros ao cambio.