Hai unhas semanas analizamos o Honor 6, un dos primeiros trebellos da nova marca Honor, coa que Huawei está a iniciar unha nova andaina en Europa. Porén, este trebello non vai estar só, pois vén de ser presentada a versión Plus, con varios cambios nas súas especificacións sobre o Honor 6 orixinal.
O novo Honor 6 Plus incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas FullHD (1920 x 1080), procesador HiSillicon Kirin 925T, octa core (catro a 1,8 GHz e catro a 1,3 GHz). 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de até 128 GB. A súa batería é de 3600 mAh e dispón de slot para dúas tarxetas SIM.
Destaca especialmente a súa cámara con dobre sensor de 8 megapíxeles. Eles din que é mellor que as do Samsung Galaxy Note 4 ou o iPhone 6; sen telo comprobado, o que si parece certo é que este dobre sensor permite obter máis candiade de luz e mellorar tanto o enfoque como a profunidade do campo. A cámara frontal tamén se sitúa nos 8 megapíxeles, confirmando a tendencia de incorporar mellores sensores na parte de diante dos trebellos.
No apartado de software, o novo Honor 6 Plus vén con Android 4.4 KitKat aderezado coa interface Emotion UI 3.0, e recibirá proximamente a súa dose de Android 5.0 Lollipop.
Como podedes ver, trátase dun smartphone moi completo que se mide de ti a ti cos grandes trebellos Android do mercado. Neste senso, unha baza ao seu favor é o prezo, que malia non estar confirmado rondará os 350 euros.