Nos últimos meses Movistar está a incrementar notabelmente os seus investimentos en Galiza para mellorar as súas redes, tanto na fibra óptica até o fogar, converténdose así nunha alternativa real e competitiva a R, como na rede móbil co despregamento de moitas BTS de 3G no rural e 4G nas principais vilas e cidades.
Entre as últimas actuacións destaca a activación de novos puntos de acceso 4G nas instalacións das principais superficies comerciais de Vigo (C.C. Camelias, C.C. Gran Vía, C.C. A Laxe, C.C. Plaza Elíptica, C.C. Meixoeiro, C.C. Cidade Universitaria, C.C. Travesía, El Corte Inglés e os Alcampo da Avda. Madrid e Avda. Castelao), que contan con cobertura interior que permite velocidades de descarga que poden acadar os 100 megas, o que multiplica as posibilidades para as usuarias da compañía e clientas destes centros comerciais.
Así mesmo, tamén dotaron de 4G ultrarrápido as instalacións do Porto e Zona Franca, zonas que polo seu importante peso empresarial son lugares de importante interese para as empresas de telecomunicacións.
Indirectamente, estas melloras tamén afectan as clientas de Yoigo, con quen comparte parte da infraestrutura, e os OMV que dependen de Movistar, como Pepephone.
En total son 138 nodos 4G os que Movistar ten activos en Galiza, unha cifra que, de seguir co ritmo actual de investimento, medrará notabelmente ao longo do 2015.
Foisevos con ” unha cifra que, de seguir co ritmo actual de investimento, medrará notabelmente ao longo do 2105″. En fin, é normal con todo o que escribides. Facedes un moi bo traballo, non está de máis agradecervos o voso esforzo de vez en cando,
Sau2
Graciñas pola corrección, Gabriel. Xa está incluída no texto 🙂