Que aprendemos do mercado da telefonía móbil no 2014?

android cosendo

O 2014 chega ao se fin. Hoxe pomos punto e final a un ano que, tecnoloxicamente falando, foi especialmente interesante. Boa mostra dilo é o artigo que publicamos esta mañá, 2014: O ano de Android, mais desta vez quixemos recoller algúns aspectos que aprendemos durante estos doce meses sobre o mercado da telefonía móbil.

  • Soterramos a liña que separa smartphones e phablets. O primeiro de todo é que por fin soterramos a liña que separa smartphones e phablets. Cando se lanzou a primeira Galaxy Note, no 2011, as súas 5,3 polgadas parecíannos unha inmensidade, mais na actualidade o estándar de calquera teléfono Android de gama alta fica, como mínimo, nas 5,2. As pantallas grandes poden gustar máis ou menos, pero o certo é que son poucas as usuarias que regresan a un tamaño inferior tras ter probado as vantaxes que ofrecen os paneis grandes, sobre todo se son de calidade.
  • Nexus non ter por que significar barato. O smartphone de referencia de Google deste ano, o Nexus 6, está á venda por 649 ou 699 €, dependendo da capacidade interna. Non é un prezo esaxerado se o comparamos co resto de trebellos Android desa mesma gama, aínda que resulta bastante superior aos 300 € aos que nos malacostumara Google cos Nexus 4 e Nexus 5, cuxos prezos eran inferiores aos do mercado nesas gamas.
  • As baterías seguen sen estar á altura. Temos trebellos con procesadores máis potentes e eficientes, mellores pantallas… pero as baterías seguen sen mellorar: na maioría dos casos a autonomía non supera o día, ou como moito o día e medio, moi por baixo das necesidades ou desexos das usuarias.
  • Os wearables chegaron para quedar. A finais de 2013 augurábamos un bo ano para os wearables e parece que non íamos mal encamiñados: temos ducias de opcións en forma de pulseiras cuantificadoras da actividade física e varios reloxos con Android Wear, que nos fan a vida un pouco máis sinxela.
  • As marcas chinesas tamén fan cousas de calidade. Finalmente, o 2014 tamén serviu para falarmos máis das marcas chinesas, que cada vez van cobrando máis importancia ao ofrecer dispositivos de calidade a un prezo moi inferior ao das marcas tradicionais. Sen dúbida no 2015 seguirá esta tendencia con novos xogadores na loita por reinar no eido tecnolóxico.

Que credes vós que poderemos esperar do 2015?

Sobre o autor

Reply