O 2015 arranca coa primeira das 3 grandes citas anuais do sector tecnolóxico, o CES de Las Vegas. Nel participarán moitos dos principais fabricantes de electrónica e electrodomésticos, polo que servirá para dar a coñecer algunhas das tendencias do ano, ademais de descubrirmos novos trebellos.
Un dos primeiros en preanunciar as súas novidades é a francesa Archos, que confirmou que este anó traballará arreo para ofrecer solucións 4G de baixo custe, para que o prezo non sexa unha traba á hora de podermos elixir un dispositivo con esta característica. Concretamente estamos a falar da barreira dos 100 €.
A falta de descubrir o catálogo completo, quedámonos coas dúas primeiras confirmacións: o smartphone Archos 50 Diamond e a tablet Archos 80b Helium. O Archos 50 Diamond, que xa fora preanunciado no París CES Unveiled, vén con pantalla de 5 polgadas, procesador de 8 núcleos (aínda que sen confirmar nada máis), 2 GB de RAM, 16 GB de memoria interna e cámara principal de 16 megapíxeles. Pola súa banda, a Archos 80b Helium dispón de pantalla de 8 polgadas e procesador quad core de 1,5 GHz.
Malia todo, estes dous dispositivos son só unha pequena mostra do que Archos ten por descubrir, entre os que estará a nova gama de smartphones e tablets Helium (Helium 45b, 50b, 50c, 70, 101), todos eles a prezos asequíbeis.