Pouco se falou do reloxo intelixente de Sony con Android Wear, o SmartWatch 3, quizais porque á hora da súa presentación non destacou sobre o que xa había cun deseño innovador ou funcionalidades extra diferenciadoras.
Aproveitando o CES, Sony vén de presentar unha nova edición en aceiro inoxidábel, conseguindo un deseño moito máis serio e vistoso, que de seguro gusta a un sector das usuarias. Ademais dispón de conectores que permiten mudar a correa por unha estándar sempre que queiramos.
En canto especificacións, o reloxo non cambia. Delas destacamos a pantalla de 1,6 polgadas e resolución 320 x 320 e a súa resistencia á auga segundo o estándar IP58.
O SmartWatch 3 en aceiro inoxidábel estará dispoñíbel a partir do próximo mes de febreiro a un prezo que aínda non foi dado a coñecer.