Un dos trending topics do ano pasado foron as aplicacións e trebellos de cuantificación: cantas horas durmimos, canto exercicio facemos, cantas calorías queimamos… A tendencia parece que se manterá durante o 2015, ao que deberíamos sumar os obxectos conectados.
Desde o CES chéganos un peculiar gadget: chámase Connected Cycle e non é máis (nin nada menos) ca un pedal conectado. A idea xurde dunha start up francesa e permite controlar a ubicación da nosa bici en todo momento, ademais de alertarnos no noso smartphone se alguén lle pon un pé enriba. Así mesmo, a través da aplicación tamén podemos ver candos kilómetros percorremos, calorías queimadas, velocidade etc.
O aparello pódese instalar en todo tipo de bicicletas. No seu interior incorpora un sensor GPS e unha SIM de datos, ambos os dous elementos imprescindíbeis para enviar a información ao noso smartphone. Tamén ten unha batería que se autorrecarga segundo damos pedais, algo que nos parece todo un acerto para non ter que poñer a cargar un trebello máis.
Connected Cycle estará dispoñíbel en Europa nos próximos meses, aínda que polo de agora descoñecemos a que prezo. A idea parecer parece boa, non credes?