Woxter presentou estes días tres novos modelos de baterías externas con diferentes capacidades para atender ás necesidades de carga das usuarias. Son os Power Bank Slim 2600, 4400 e 11000, cada unha delas co nivel de mAh indicado no nome.
Cun deseño especialmente xeitoso, os novos power bank están deseñados para poder cargar todo tipo de trebellos, como móbiles, tablets, cámaras dixitais ou outro tipo de reprodutores multimedia.
A máis pequena das baterías pesa apenas 58 gramos e xa inclúe o cable microUSB de serie. Cárgase en 4-5 horas e custa 11,99 €. O modelo de 4400 mAh pesa 110 gramos, custa 19,99 € e ademais de ter o cable microUSB tamén dispón de catro indicadores LED que permiten saber en todo momento o nível de batería. Lévalle cargar unhas 7 -8 horas.
Finalmente, o modelo de 11000 mAh é o máis completo. Integra 2 portos USB, un deles de 2,1 A para carga rápida, e pesa 215 gramos. Lévalle cargar unhas 6 ou 7 horas e custa 34,99 €.