Entre os trebellos que presentou Motorola no 2014 estaba o Moto Hint, un discreto auricular que chamou a nosa atención por lembrarnos o que empregaba Joaquin Phoenix interpretando a Theodore en Her. Porén, a súa distribución resultou bastante lenta e non foi até o de agora cando se puxo á venda no noso país, a través de Amazon.
O Moto Hint é un discreto auricular Bluetooth con micrófono incorporado que se introduce na orella. Ademais de permitirnos manter unha conversa telefónica ao uso, está deseñado para empregarse mediante comandos de voz, respondendo a unha frase tipo “OK Moto” ou “OK Google”.
Ten unha autonomía de 100 horas en stand by (10 horas en uso) e é compatíbel con calquera teléfono Bluetooth, malia que algunhas funcións precisan que teñamos instalada algunha que outra aplicación extra. Custa 129 € e pódese mercar desde esta ligazón.