Meses atrás Pepephone anunciou que abandonaba a rede de Vodafone pola negativa desta operadora a permitirlles ofrecer 4G ás súas clientas. Tras un intento de acordo con Yoigo, a OMV acabou contratando a rede de Movistar, quen será a partir de agora o proveedor da rede.
Cambiar de rede implica que as clientas de Pepephone terán que mudar as tarxetas SIM, un proceso que iniciou semanas atrás co lanzamento de probas cun grupo reducido de clientes e traballadoras, pero que desde hoxe medra considerabelmente ao entrar nunha fase aberta.
Con todo, será un proceso gradual que se prolongará até xuño deste ano, data na que a operadora calcula ter completado o proceso de migración das máis de 400.000 liñas que ten na actualidade. A idea que teñen é que cada día sexan, como moito, uns “poucos milleiros” as clientes que cambien de rede, para evitar un número grande de incidencias que puidera causar malestar.
O 4G noutros OMV
A teima co 4G nos OMV segue a dar moito que falar. Polo de agora, de todas elas só Jazztel está a ofrecer este servizo ás súas clientas baixo a rede de Orange, e Tuenti comezará en breve a través de Movistar, aínda que vai con retraso sobre a data prevista inicialmente (decembro do ano pasado).
Telecable segue unha estratexia diferente e está comezando a despregar a súa rede propia para poder dar servizo ás súas usuarias e en R agardan ter boas novas ao longo deste ano, aínda que polo de agora non está na axenda máis próxima.
¿Só as clientas?
Por economía da linguaxe e evitar pesadez nos texto (clientes e clientas, todas e todos, …) decidimos que o libro de estilo do blog empregase feminino inclusivo: “todas as (persoas) clientas”
Non lle vexo moito sentido e, polo menos a min, doénme un pouco os ollos ó lelo así. Ningunha muller (con dous dedos de fronte) se vai ofender por velo escrito do xeito correcto.
Pero isto só é a miña opinión. Noraboa polo blog! 😉
É unha decisión editorial. Sabemos que pode chocar de primeiras, pero cremos que, por unha parte, imaxinando unha “persoa” diante de cada uso vese claramente e, por outra, usándoo contribuímos a que deixe de ser tan chocante. Saúdos e graciñas pola noraboa! 😀