Analizamos o HP Chromebook 14

hp chromebook 14 6

Hai case un ano analizamos o Chromebook 11, sendo aquela a primeira vez que nos achegabamos a un trebello co sistema operativo ChromeOS, desenvolto a partir de Chrome. Desta vez puidemos traballar co HP Chromebook 14, o irmá maior do anterior, non só polo seu tamaño, senón tamén polas mellores prestacións que ten.

Deseño, conexións e especificacións

O Chromebook 14 ten un deseño simple e máis ben sobrio, aínda que o uso de cores (branco, no caso da unidade que analizamos) fai que sexa un dispositivo fermoso. Pesa 1,85 kg, o cal non fai que sexa o dispositivo máis lixeiro do mercado para o seu tamaño, pero certamente non resulta en absoluto pesado. É máis, trátase dun produto moi pensado para a portabilidade, e viaxar con el resulta bastante cómodo.

hp chromebook 14 4

Dispón de diversos conectores, situados a ambos lado do dispositivo. No lateral esquerdo temos o HDMI (completo) xunto con 2 USB 3.0 e o jack de audi 3.5, mentres que no dereito está o terceiro porto USB (neste caso 2.0), un lector de tarxetas e o punto de conexión á corrente eléctrica. Ademais, ten unha webcam HP TrueVision HD, conexión Bluetooth 4.0 e WiFi de varias bandas.

hp chromebook 14 2

Incorpora un teclado completo (obviamente, polo seu tamaño, sen o teclado numérico), e un trackpad que a verdade funciona bastante ben e resulta cómodo de usar.

hp chromebook 14 3

A pantalla é de 14 polgadas, cunha relación de aspecto 16:9 e un brillo de 200 nits. A resolución é bastante boa, non tanto a amplitude dos ángulos de visión, aínda que se cadra isto non é tan importante se non aspiramos a compartir a pantalla con alguén máis.

Sistema operativo, experiencia de uso e rendemento

O que realmente fai especial a este trebello é precisamente o seu sistema operativo, ChromeOS. ChromeOS está pensado para traballarmos conectados á rede, ofrecéndonos todas as potencialidades e aplicacións que coñecemos de Chrome, co punto a favor de estar operativo en apenas 10 segundos desde o apagado ou instantaneamente se o temos durmido.

hp chromebook 14 5

Se o Chromebook non ten acceso á rede o seu uso limítase ás aplicacións que permitan traballar se conexión ou a ser un reprodutor multimedia sen moitas máis opcións que play / stop. Hai que dicir que se nos pasamos pola tenda de aplicacións de Chrome atoparemos numerosas ferramentas que nos farán produtivos sen conexión, xestionando correo, creando textos etc.

Con acceso a Internet, pouco hai que dicir. Podemos facer calquera cousa que se prece en liña ou coas aplicacións da webstore de Chrome. Ademais, polas súas especificacións o Chromebook non perde rendemento cando somos exixentes, podendo abrir numerosas pestanas de Chrome sen medo a que quede colgado ou empece a ir máis lento.

Autonomía

A autonomía é un dos aspectos fortes do dispositivo, xa que nos achega unhas 9 horas de funcionamento a pleno rendemento, o cal fai que non sexa unha preocupación e poidamos traballar tranquilamente durante un día sen ter que cargar co cargador.

Conclusións

O HP Chromebook 14 non é un produto para todo o mundo. As ideas que o envolven todo son as de sinxeleza e Internet, ter algo que nos permita acceder rapidamente á rede para resolver as nosas inquedanzas. Iso faino ás mil marabillas. Agora ben, se queremos un computador doméstico no que poder instalar programas e demais, non é o produto buscado.

hp chromebook 14

Dispón dun hardware axeitado e ben compenetrado co software, batería abonda e pantalla resultona. Xunto a rapidez e fluídez coa que funciona todo e o prezo, fai que sexa un dispositivo moi recomendable.

Sobre o autor

No Responses

Reply