Movistar vén de anunciar que desde hoxe todas as rúas e barrios da cidade da Coruña dispoñen de cobertura 4G tras ter implementado esta tecnoloxía en 40 estacións base que até o de agora só funcionaban en 2G e 3G. Os traballos levados a cabo pola compañía tamén serviron para conectar estas estacións á súa rede de fibra óptica, o que permite ampliar a capacidade do tráfico cursado en situacións de alta demanda.
Nos próximos meses Movistar seguirá avanzando do despregamento da rede 4G noutras localidades da provincia, facendo especial fincapé na mellora de cobertura en interiores. Se falamos de Galiza, a operadora ten previsto investir máis de 16 millóns de euros ao longo do ano para ter cuberto en decembro o 87% da poboación galega con cobertura 4G.