A principal crítica que reciben os smartwatches é que, na súa maioría, non son dispositivos autónomos, senón pantallas no pulso que reflexan as notificacións do noso móbil, aínda que esta sexa unha simplificación moi extrema.
Co afán de corrixir iso, Samsung presentou o Gear S, un reloxo que malia estar pensado para traballar vencellado ao smartphone, tamén poderemos empregar de xeito totalmente autónomo, xa que dispón de espazo para unha nanoSIM de voz e datos.
Deseño, acabado e conexións
O Gear S chama bastante atención polo seu tamaño, xa que incorpora unha pantalla curva de dous polgadas; a primeira idea que se nos vén á cabeza á hora de buscarlle parecidos é a dun smartphone Samsung pegado a unha correa. Isto tamén vén influído porque na parte inferior da pantalla temos un botón central, semellante aos que emprega Samsung nos seus teléfonos. Con todo, unha vez posto non resulta pesado en exceso, polo que esa sensación de enormidade disólvese para a usuaria.
Na parte frontal do trebello, ademais do botón central temos o sensor de luz e o de raios UVA, mentres que na traseira temos os puntos de carga, o lector de pulso cardíaco e o espazo para a nanoSIM. A correa é intercambiábel, xa que é de goma, e o seu acople é moisinxelo, cun método bastante efectivo para poder adaptar a diferentes estilos ou combinar coa roupa.
En canto ás opcións de conectividade, temos WiFi, Bluetooth e 3G, grazas a que incorpora unha tarxeta nanoSIM que permite recibir as notificacións en remoto ou funcionar de xeito totalmente autónomo. Co modo remoto, aínda que deixemos o teléfono na casa seguiremos recibindo todas as notificacións (e interactuar con estas) deste no reloxo, xa que Samsung emprega un servidor intermedio que o fai posíbel.
Pantalla
Como comentamos antes, a pantalla do Gear S é un panel curvo de 2 polgadas. A súa resolución é de 360 x 480 píxeles, e ten 16 millóns de cores. Isto tradúcese en cores moi vivas e realistas, que desde logo resultan moi atractivas. Tamén é relevante o brillo que achega o panel, grazas ao cal poderemos usar o reloxo en exteriores sen maiores problemas.
Sistema operativo e funcións
Samsung volveu apostar por Tizen e non Android Wear neste wearable, tras os bos resultados que lle deu este sistema operativo no Gear Fit. Semella que Tizen afronta a súa madurez amosando estabilidade, ademais de ser sinxelo de traballar con el e conseguir motia fluidez.
O modo de funcionamento baséase nos xestos; arrastrando dun lado a outro as pantallas accedemos a diferentes funcións:
- Cara abaixo vemos unha barra de notificacións semellante á dos teléfonos, onde podemos ver o nivel de cobertura, batería, vinculación con trebellos, axustar brillo ou silenciar as notificacións.
- Cara a esquerda vemos as notificacións, podendo interactuar con elas en todo momento.
- Cara a dereita temos widgets que nos permiten acceso rápido a funcións como o reprodutor musical, aplicaciósn de deporte ou calquera cousa que queiramos ter facilmente accesíbel.
- Cara abaixo abrimos o menú de aplicacións.
Por suposto, a pantalla principal podémola personalizar con diferentes estilos que nos amosan máis ou menos información, dependendo da elección.
Podemos atopar novas aplicacións que descargar desde a aplicación Gear que teremos instalada no noso teléfono, xa que ofrece acceso directo a unha tenda de aplicacións específica. A app Gear tamén permite realizar outros axustes no reloxo, unha opción que recomendamos, xa que é moito máis cómodo e eficaz.
Batería
O Gear S inclúe unha batería de só 300 mAh, cunha autonomía que depende moito do uso que lle deamos. Para o uso tradicional de smartwatch vencellado por bluetooth a un smartphone, de quen recibe a conexión á rede, o Gear S aguanta unha xornada de uso.
Os problemas veñen cando desconectamos o reloxo e temos instalada a tarxeta SIM con datos. Pensemos por exemplo en salirmos a correr, empregando unicamente o reloxo con funcionalidade de teléfono e usando o GPS do mesmo para gravar a ruta. Neses casos, a batería consúmese que dá gusto, tendo unha autonomía real de entre 2 horas e media a 4 no mellor dos casos.
A solución parece pasar por un uso mixto, polo cal Samsung ten implementado un sistema que decide usar a SIM do trebello ou non dependendo de diversas condicións. O caso máis restritivo ten a SIM desactivada mentres o smartwatch está conectada ao smartphone, e só a activa cando se desconecta este.
Outro punto interesante é que a base de carga tamén ten batería, co que teremos aí unha dose extra de enerxía se precisamos, independentemente de que teñamos un enchufe a man.
Conclusións
O hardware do Gear S está na liña do resto de smartwatches que levamos coñecido até a data: procesador dual core a 1 GHz, 512 MB de RAM e 4 GB de memoria interna. Os sensores máis destacábeis son o acelerómetro, xiroscopio, sensor de proximidade, brúxula, pulsómetro, barómetro, sensor de raios UVA e AGPS / GLONASS.
Este hardware é máis ca abondo para realizar calquera función que poida facer o teléfono, tendo sempre unha experiencia impecábel. É resistente á auga segundo o estándar IP67, polo que poderemos sometelo a pequenos somerxementos ou ducharnos con el posto sen preocupacións.
Con certeza o punto máis positivo é poder ser empregado de xeito autónomo, sen necesidade do teléfono, aínda que batería ten que ser mellorada para que a experiencia de usuario sexa a correcto. O aspecto máis negativo é que precisamos obrigatoriamente ter un smartphone Samsung para poder empregar o reloxo, xa que a súa compatibilidade limítase a certos produtos da compañía surcoreana.
O Gear S pódese mercar por uns 400 euros.