Estes días estivemos probando o Blusens Smart Pro, o terminal máis potente da compañía santiaguesa, que chega para competir na gama media Android.
Hardware
Estamos diante dun terminal que incorpora unha pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 1280×720 e tecnoloxía OGS (one-glass solution), coa que se reduce o espesor da pantalla conseguindo unha resposta máis satisfactoria. O procesador elixido para mover todo o conxunto é un Octa-Core a 1.7 GHz, que vén acompañado de 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria (8 internos e 8 nunha microSD incluída no paquete).
Destacamos a presenza de dous slots para micro SIM, porto USB-OTG e lector de microSD até 32 GB. Sen soporte para redes LTE, temos que conformarnos con conexións 3G HSPA+.
Software
A compañía pensou que o mellor é equipar o terminal con Android 4.4 KitKat puro con algún aporte da empresa, pero que non se pode chamar capa de personalización. Por exemplo, temos un reloxo no escritorio principal que cando prememos sobre el, atopamos accesos á alarma, calculadora e un cronómetro. Tamén destacamos a presenza de diferentes aplicacións de xogos, destacando a da tenda de Blusens para descargar xogos tanto de pago coma gratuitos.
Ademáis, coa compra deste terminal, temos a posibilidade de conseguir 25 GB de almacenamento na nube de Doctape.
Multimedia e Cámara
Nestes apartado temos sensacións contrapostas. Por unha banda, quedamos satisfeitos á hora de ver vídeos en HD como poden ser vídeos de Youtube ou que algún que teñamos gardado na memoria interna. O único punto en contra é a situación do altofalante pois ao estar na parte traseira podemos tapalo con facilidade.
Agora ben, cando falamos das cámaras a experiencia empeora bastante. A dianteira é puramente testimonial e a traseira cumpre cando facemos fotos de preto, pero non agardemos resultados sorprendentes ao facer outro tipo de fotos; en canto as condicións de luz non son perfectas aparece moito ruido, como vemos nalgúns dos exemplos que podedes ver na nosa páxina de Flickr:
Rendemento
Na nosa opinión, este teminal ten un bo redemento. Estivemos probando diferentes aplicacións exixentes tanto xogos actuais como son o Real Racing 3, ou aplicacións como Google Earth. O que si notamos foi que a carga deste tipo de aplicacións é máis lenta ca con outros terminais máis potentes, máis unha vez cargadas, a experiencia é máis ca satisfactoria.
Ademáis cun uso diario normal, como poden ser acceso a redes socias, navegación, descarga de aplicacións … non tivemos ningún tipo de lags ou retardos.
Se somos usuarias moi activas (ao redor de 4 horas de pantalla), podemos estar tranquilas cando falamos da autonomía do terminal. Os 2100 mAh cos que contamos, son dabondo para chegar ao final do día sen problema.
Conclusións
Estamos diante dun terminal cun bonito deseño e acabado nun plástico que nos transmite pouca resistencia, e pensamos que a funda que se inclúe na caixa é de obrigado uso para non extropear o terminal antes de tempo.
En resumo, pensamos que é un deses teléfonos que podemos chamar equilibrados. Polos 200 euros que temos pagar, temos un smartphone ideal para o día a día de calquera usuaria media: redes sociais , consumo multimedia ou para xogar ocasionalmente.
Nesta ligazón, podemos comprar o Blusens Smart Pro na propia web da compañía.