Malia que ZTE presentou varios dispositivos no CES de Las Vegas, aínda gardaba parte do novo catálogo para descubrir no MWC, como o ZTE Blade S6 ou o ZTE Grand S3. Con ambos terminais a compañía chinesa quere consolidar o mercado europeo, un pastel cada vez máis apetecíbel para o senfín de novas marcas do país asiático que están a xurdir, e colgarse a medalla de ser a primeira compañía en aplicar unha nova tecnoloxía.
O ZTE S6 destaca polo seu deseño, con acabados de calidade e 7,7 mm de grosor, mais tamén por unhas características máis que interesantes para un prezo contido. A pantalla é un panel de 5 polgadas con calidade 720p, e no seu interior trae un Qualcomm Snapdragon 605 (8 núcelos), acompañado de 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna, batería de 2400 mAh e dual SIM con capacidades 4G.
As cámaras son de 13 e 5 megapíxeles, a principal un modelo de Sony (IMX214) e o sistema operativo de saída Android 5.0 Lollipop. Venderase por 250 dólares e chegará ao noso país na primavera.
Por outra banda, o ZTE Grand S3 anúnciase como o primeiro terminal biométrico do mercado, permitindo desbloquear o dispositivo mediante o escaneo ocular. Isto que soa tanto a ciencia ficción é unha mostra de que a tecnoloxía ten avanzado moito até o punto de que as outrora cousas futuristas empezan a ser habituais nos trebellos cotiás.
Este dispositivo véndese como un dos principais trebellos da compañía e vén con pantalla de 5,5 polgadas (1920 x 1080), procesador Snapdragon 801 a 2,5 GHz, 3 GB de RAM, 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD, cámaras de 16 e 8 megapíxeles, batería de 3300 mAh e Android 4.4 Kitkat. Este último punto é quizais o máis polémico para tratar de vender un terminal flagship sen a última versión de Android ou novas da súa actualización.
Por se fora pouco, o prezo do dispositivo (430 €), tampouco chama demasiado para un terminal con estas especificacións se temos en conta as múltiples posibilidades dispoñíbeis.
Que vos parecen?