Primeiras impresións do LG G Flex 2, o segundo terminal curvo de LG

lg g flex 2 mwc15 2

Desde logo LG non deixou indiferente a ninguén co LG G Flex, un terminal curvo que serviu para amosar do que eran capaces os surcoreanos en canto pantallas P-OLED. Con todo, o trebello tiña algunhas eivas, a máis destacada a calidade do panel (720p) e o tamaño (6 polgadas), excesivo para un dispositivo xa de por si grande.

É por iso que o público tecnolóxico estaba ansioso por coñecer como evolucionaba a tecnoloxía de LG no G Flex 2, que foi presentado no CES de Las Vegas, corrixindo os puntos e febles máis notorios e facendo a actualización de compoñentes habitual entre sucesivas versións de modelos de mesma liña.

lg g flex 2 mwc15 3

O G Flex 2 vén con pantalla flexíbel de 5,5 polgadas FullHD (1080p), recurtando ademais o espazo entre esta e os bordes para facer un dispositivo máis compacto. No interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 800 de 64 bits a 2 GHz, 2 GB de RAM e opcións de 16 ou 32 GB de memoria interna. A batería é de 3000 mAh e as cámaras de 13 e 2,1 megapíxeles, a principal con estabilizador de imaxe OIS.

lg g flex 2 mwc15

Tras poder probalo durante uns minutos durante o MWC, quedámonos con moi bo sabor de boca. O novo G Flex 2 resulta moito máis cómodo na man, e a súa luminosa pantalla é máis vistosa e ofrece unhas imaxes moito máis nítidas ca no modelo anterior. O recubrimento da parte traeira segue tendo capacidades autocurativas, tamén melloradas: se antes era capaz de autoeliminar as rabuñadas en cuestión de minutos agora faino en apenas uns segundos.

A cámara principal tamén mellora sensibelmente, engadindo o flash dual e o láser de autofocus do LG G3 para conseguir mellores resultados. A frontal, ligada aos selfies, dispón de sistemas para sacar fotos sen termos que presionar botóns, como xa viramos noutros modelos anteriores da compañía.

lg g flex 2 mwc15 4

No apartado do software temos Android 5.0 con capa de personalización cunha estética semellante á do G3. É quizais unha das menos invasivas e máis similar á orixinal de Android, conservando incluso os botóns de Lollipop. Por suposto trae todas as innovacións da compañía, como o dobre toque en pantalla para activar ou desactivar a pantalla, así como un sistema novo que nos permite, arrastrando a pantalla cara abaixo, ver as notificacións ou a hora sen ter que acender toda a pantalla.

Con todas estas melloras cremos que o LG G Flex 2 é o primeiro terminal desta serie que está pensado para a usuaria final, xa que o primeiro parecía máis ben un golpe na mesa co que demostrar de que eran capaces en LG nun momento de grande competencia.

Que vos parece?

Sobre o autor

No Responses

Reply