Toma de contacto co Samsung Galaxy S6 e Galaxy S6 Edge

samsung galaxy s6 + edge

Non cabe dúbida que o terminal estrela deste MWC foi o Samsung Galaxy S6, dispoñíbel tamén nunha versión coa pantalla curvadas nos laterais, o Samsung Galaxy S6 Edge. Ambos os dous supoñen un importante salto para a compañía en todos os sentidos, demostrando a madurez dunha liña con futuro.

Os novos Galaxy S6 melloran en todos os aspectos hardware, eliminando en moitos casos a dependencia de terceiros para pasar a ser eles mesmos quenes fabrican as súas compoñentes; é o caso do procesador, elixindo un Exynos incluso para a versión europea, onde tradicionalmente viamos modelos de Qualcomm. Mais se cadra a maior evolución dos trebellos de Samsung dáse no deseño e materiais, elixindo metal e cristal, ademais de ter coidado case todos os detalles, agás a cámara, que sobresae do corpo do teléfono.

samsung galaxy s6 traseira

Ambos modelos están dispoñíbeis en cores diferentes para a capa traseira, aumentando as opcións ás usuarias. Pareceunos totalmente un acerto, ademais de ser curioso como cambia a percepción da tonalidade dependendo da luz incidente sobre o dispositivo. A queixa está en que esta parte traseira é moi amiga da suciedade, co que mantela limpa de pegadas dixitais, cando menos co dispositivo recén estreado, non vai ser unha tarefa doada.

samsung galaxy s6 edge baixo

Resultan tamén moi compactos, ao ser smartphones dunha peza. Isto elimina a posibilidade de mudar a batería do dispositivo, unha renuncia máis que fixo Samsung ao que levaba predicando varios anos. Tampouco temos rendixa para a tarxeta microSD, pois a compañía entende que as diferentes opcións de capacidade son abondas e que as usuarias empregamos máis a nube ca outros sistemas para transferir os nosos arquivos.

Os cambios tamén chegan a TouchWiz, a personalización que integra Samsung. Fíxose un gran traballo para conseguir combater as maiores eivas deste software (coma o lag) e por aplicar a mesura nas aplicacións de Samsung, para moitas usuarias irrelevantes e motivo constante de queixas.

samsung galaxy s6 edge

Tamén se integran pequenas novas funcionalidades, unha das máis destacadas o dobre pulso no botón central, que activa a cámara practicamente instantaneamente, independentemente do que esteamos facendo. Isto pareceunos de grande utilidade para estarmos preparados en todo momento e conseguir as imaxes que queremos.

contactos edge 2

No caso concreto do Galaxy S6 Edge gustáronnos moito as posibilidades extra que ofrece a pantalla curvada, como un acceso rápido aos contactos ou unha xestión das notificacións diferente e orixinal.

contactos edge

Os novos Galaxy S chegan tamén cunha completa gama de accesorios que Samsung ten preparada: fundas de todo tipo, deseño e cores, elementos de audio (auriculares) e cargadores, como o inarámico. Este ten un deseño bastante coidado, cunha luz que cambia de cor durante o proceso de carga e que resulta estiticamente fermoso.

samsung galaxy s6 cargador

Este tipo de carga ten a vantaxe de ser máis cómoda, pois evita térmonos que andar buscando cables, pero pola contra resulta máis lenta, aproximadamente o dobre de tempo que co cargador estándar.

Conclusións

O Galaxy S6 e, sobre todo, o Galaxy S6 Edge son quizais o mellor smartphone, visto na súa globalidade, que podemos mercar a día de hoxe. Son o mellor exemplo do que se pode facer con Android (Sundar Pichai dixit) e unha aposta arriscada dun fabricante que tiña que romper co seu pasado (materiais, deseño, software…) para recuperar un posto de liderado cuestionado por moitas.

Teremos que agardar a podermos analizalo en profunidade para ver como se comporta no día a día, algo que seguramente poidamos facer dentro dun mes, cando se poña á venda (por certo, aquí podes consultar os prezos).

Que pensades vós dos novos Galaxy?

Sobre o autor

No Responses

Reply