Energizer e Kyocera amosaron no MWC os seus móbiles ruxerizados

Cando falamos de smartphones adoitamos fixarnos moito nas súas especificacións e deseño, mirando que sexan lixeiros, compactos e, por que non, fermosos. Isto está ben para a meirande parte das usuarias, pero existe un sector da poboación que precisa, polo seu traballo ou as súas actividades de ocio, teléfonos que resistan caídas e outras inclemencias. Son os chamados móbiles ruxerizados, uns dispositivos cada vez máis habituais nas feiras como o MWC.

Da multitude de pequenas marcas con teléfonos destas características que estaban presentes no Mobile, fixámonos especialmente en dúas que terán á venda os seus produtos no noso país: Energizer e Kyocera.

energizer mwc15

Energizer amosou un total de 4 novos teléfonos ruxerizados da liña Hard Case, todos eles resistentes á auga, suciedade, caídas e cunha batería de longa duración, ademais de características comúns como dual SIM, Android 4.4 KitKat, 1 GB de RAM ou procesadores MediaTek a 1,3 GHz. O resto de especificacións varían segundo o modelo, como o caso da cámara, que no mellor dos casos chega aos 13 megapíxeles.

Pola súa banda, Kyocera anunciou a chegada a Europa do seu modelo Torque S701, un terminal de mellores prestacións que as alternativas de Energizer, aínda que de seguro cun prezo de venda máis elevado.

kyocera mwc15

Ten unha pantalla IPS HD de 4,5 polgadas, procesador de catro núcelos firmado por Qualcomm (Snapdragon 400 a 1,4 GHz), cámaras de 8 e 2 megapíxeles e conectividade 4G.

No apartado de protección, cumpre o estándar IP68 de protección fronte auga e pó, mais tamén o estándar militar 810G que certifica a súa capacidade a caídas, exposición a vibracións, temperaturas extremas, baixas presións, choiva intensa, radiación solar, humidade, inmersión en auga e pedrazo.

Como diciamos ao comezo, estas son só dúas das múltiples opcións dispoñíbeis para as usuarias cunhas necesidades máis extremas. Que vos parecen?

Sobre o autor

Reply