Honor anuncia dous novos smartphones no marco do MWC

A nova marca de Huawei para Europa, Honor, tamén estivo presente no Mobile World Congress, unha feira na que deron a coñecer dous novos dispositivos para cubrir as necesidades de gama alta e gama media. Son o Honor 6+ e o Honor 4X.

Honor 6+

O Honor 6+ é un dispositivo de altas prestacións que integra unha pantalla de 5,5 polgadas. No seu interior atopamos un microprocesador Kirim 925 de 8 núcleos, acompañado de 3 GB de RAM e 32 GB de memoria ROM ampliábeis por microSD. A batería é de 3600 mAh e admite 2 SIMs a un tempo.

honor 6+

A cámara frontal é de 8 megapíxeles e na parte posterior ten outras dúas de 8 megapíxeles que combinadas equivalen a unha de 13 megapíxeles. É o que chaman Eagle Eye, un sistema de triangulación co que din conseguir mellores resultados, aínda que haberá que probalo sobre o terreo para ver se efectivamente isto é así ou resulta un mero feito propagandístico como os ultrapíxeles de HTC.

Honor 4X

Pola súa banda, o Honor 4X ten unhas especificacións de gama media, aínda que pola nosa experiencia con outros dispositivos da compañía poderíamos dicir que está máis próximo á gama alta.

honor 4x

Ten unha pantalla HD de 5,5 polgadas, procesador de 8 núcleos kirin 620, 2 GB de RAM, 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD e cámaras de 13 e 5 megapíxeles. A batería é de 3000 mAh e porase á venda con Android 4.4, aínda que recibirá Android 5.0 en verán.

 En canto a dispoñibilidades, ambos os dous estarán á venda no segundo trimestre do ano; o prezo do Honor 6+ aínda non foi anunciado, pero o Honor 4X custará 200 euros.

Sobre o autor

Reply