Pola nosa mesa de análises vén de pasar a Nexus 9, que xunto co Nexus 6 que analizamos hais unhas semanas conforman a aposta actual de produtos pure Google. As de Mountain View confiaron para este cometido en HTC, un fabricante que non está a pasar polo seu mellor momento comercial, mais co que Google iniciou anos atrás a saga Nexus, co Nexus One.
Deseño, acabado e conexións
Un dos aspectos máis destacábeis da Nexus 9 é o seu formato, que fuxe coa tradicional 16:9 para apostar por un 4:3. Preciamente a pantalla é a grande protagonista da parte frontal do trebello, xa que a preside xunto á cámara secundaria. Os marcos son anchos abondo para que poidamos disfrutar de contidos dixitais suxeitando con comodidade o dispositivo, tanto en vertical como horizontalmente.
Os únicos botóns da Nexus 9 están no lateral dereito (acendido e control de volume). Na parte superior temos o jack 3.5 de audio e na inferior o conector microUSB. A traseira está presidida pola palabra Nexus e a cámara, acompañada do flash LED.
En canto a acabados e materiais, os bodes están fabricados en aluminio e a parte traseira en plástico. O corpo é unibody, e resulta algo pesada (425 gramos), polo que a sensación é de ter na man un produto robusto, malia que cómodo na man.
Pantalla
A Nexus 9 vén cunha pantalla IPS de 8,9 polgadas, con resolución 20148 x 1536 píxeles, o que dá unha relación de 288 ppp. Esta cifra é a primeira en chamar a nosa atención, pois é algo baixa para os entándares que estamos a manexar ultimamente, malia que non presenta maior problema de visionado.
Doutra banda está o formato; Google escolleu para esta tablet a relación 4:3, que certamente é moi agradábel para a lectura ou para consultar apps con maior amplitude, aínda que non tanto para disfrutar de multimedia, xa que se desaproveita moito a pantalla. O brillo está moi conseguido e a experiencia é moi correcta tanto exteriores coma, obviamente, en interiores. Os ángulos de visión son moi bos, o que fai que a experiencia global do panel IPS sexa acertada.
A maiores Google incluíu o dobre toque para activar a pantalla, un xesto que se está a estandarizar e que nos parece moi axeitado.
Sistema operativo
Esta tablet, xunto o Nexus 6, serviu para dar a coñecer Android 5.0 Lollipop, cuxa sinal de identidade é a inclusión de Material Design. Tras encender a tablet por vez primeira sorprenderanos que vén bastante limpa en canto a aplicacións, pois non hai ningunha pensada especialmente para tablets. O que si teremos é a práctica totalidade das Google Apps, que efectivamente moitas usamos no día a día, pero que para outras persoas poden ser supérfluas.
Existen infinidade de pequenas cousas e truquiños que podemos facer coa tablet, como activar o modo non molestar ou definir diversos usuarios, algo que ten moito senso nun produto que pode ser compartido entre varias na casa.
Cámara e multimedia
A cámara principal ten un sensor de 8 megapíxeles, con OIS e f/2.4. A frontal é de 1,6 megapíxeles. A verdade é que nós somos un pouco talibáns no tema de empregar as tablets para sacar fotos, polo que non é algo ao que lle deamos moita importancia.
Con todo, hai que recoñecer que a cámara principal compórtase bastante ben, sobre todo en exteriores. En espazos menos iluminados temos os problemas de ruído que afectan á meirande parte dos dispositivos. Como resumo, poderíamos dicir que é bastante efectiva.
Podemos ver uns exemplos dos modos nos que se comporta peor:
No aspecto multimedia destaca a inclusión dun sistema de son propio (HTC Boundsound) que ofrece unha sensación envolvente moi conseguido, sobre todo cando estamos a consumir filmes. Os altofalantes están situados na parte frontal, case inapreciábeis, pois son dúas finas liñas situadas arriba e baixo.
Batería
A batería é de 6700 mAh, que nos ofrece arredor de 7 ou 8 horas de uso real, entedendo este como estar navegando, lendo, xogando ou disfrutando de multimedia, polo que neste senso funciona bastante ben. Quizais o aspecto máis negativo relacionado coa batería é a velocidade de carga, xa que é extremadamente lenta: lévalle máis de 5 horas cargarse por completo.
Conclusións
A Nexus 9 é todo potencia. No seu interior agocha un procesador tegra K1, donbre núcleo e 64 bits a 2,3 GHz, xunto 2 GB de memoria RAM e opciósn de 32 oou 64 GB de memoria interna. Existe unha versión con LTE, o que nos permite dotala dunha tarxeta SIM e poder navegar desde ela en calquera lugar.
A tablet move calquera cousa sen problema, sexan moitas aplicacións a un tempo ou xogos que precisan certa potencia. Con todo tras un certo uso quéntase bastante na parte superior, preto da cámara, o cal pode ser algo molesto, aínda que parece que están a traballar para solucionalo por software.
Pódese mercar na Play Store por 389 € (versión 16 GB), 479 € (versión 32 GB) ou 559 € (versión 32 GB con LTE). Son prezos que se nos antoxan un pouco caros para un produto que tampouco resalta especialmente fronte a competencia.