Recentemente Woxter renovou os seus terminais coa familia Zielo, integrada na serie Z, uns dispositivos que resultan certamente económicos e dispoñen dunhas especificacións máis ca abondas para un gran número de usuarias. Entre eles está o Zielo Z420 HD, un dos últimos dispostivos que analizamos.
Deseño, acabado e conexións
A primeira impresión do Zielo Z420 HD xa foi moi boa. Os acabados fan pensar que estamos ante un terminal compacto, aínda que en realidade a carcasa traseira (xunto cos marcos laterais, todo xunto) é extraíbel, para podermos acceder á batería e lectores de tarxetas.
O seu deseño, estilizado e cos bordes redondeados, resulta altamente atractivo e harmonioso, unha harmonía que só se rompe coa presenza dos botóns de acendido e volume, no lateral esquerdo, e polo jack 3.5 e conector microUSB da parte superior. Na parte frontal unicamente temos o altofalante principal e a cámara secundaria, mentres que na traseira está a cámara principal, sobresaínte, xunto o seu flash LED e un segundo altofalante colocado na parte inferior.
Pantalla
Incorpora unha pantalla IPS de 5 polgadas con resolución 1280 x 720 píxeles e fabricada coa tecnoloxía OGS (One Glass Solution), que alixeireza as capas de cristal facéndose máis sensíbel ao tacto. A teoría funciona na práctica, e nese senso a experiencia do Zielo é moi boa. As cores son moi vivas e o brillo abondo para poder traballar co dispositivo en exteriores con comodidade, aínda que iso si, a xestión automática do brillo ás veces é un pouco lenta (é dicir, ao mudar dun entorno con moita luz a un escuro tarda un pouco en adaptarse.
Sistema operativo
No que ten a ver co sistema operativo, emprega unha versión practicamente limpa de Android 4.4 KitKat, que seguramente non será actualizada a versións posteriores. A maiores atopamos algunha aplicación extra, como un xestor de arquivos, un editor de vídeo, a radio FM. Pouco máis hai que dicir neste aspecto, xa que non hai sorpresas agochadas ou diferenciacións fronte outras alternativas da competencia.
Cámara e multimedia
Pasamos a falar das cámaras, onde atopamos unha principal de 13 megapíxeles co seu flash LED e unha frontal de 2. Seguramente este é un dos aspectos onde menos destaca o terminal, conseguindo uns resultados normaliños, que para unha panorámica xeral están ben, pero non son abondos para o detalle.
A cousa empeora se falamos de fotos tomadas con flash a obxectos que están moi preto, xa que os resultados distan bastante de ser os desexados.
Podes ver unha mostra na nosa páxina de Flickr.
Centrándonos no aspecto multimedia, a combinación de pantalla e son dá un resultado bastante agradábel, aínda que se poñemos o volume ao máximo apreciamos unha degradación da calidade importante, mais en condicións medias vai ben. Outro pero é que, pola situación do altofalante traseiro, é doado tapalo se empregamos o dispositivo en horizontal.
Batería
A batería ten unha capacidade nominal de 2000 mAh, que pasa un uso estándar achega arredor de día e medio de autonomía se empregamos unha SIM, pero non puidemos facer probas empregando o sistema dual SIM ao non dispór no momento de dúas tarxetas.
Conclusións
Para ir concluíndo cómpre lembrar algunhas características do dispositivo, como o seu procesador ARM Quadcore a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 64 GB ou dobre ranura SIM (tamaño estándar), que nos permite empregar 2 liñas telefónicas a un mesmo tempo.
Para unha usuaria media, o trebello resulta atractivo en todos os aspectos, especialmente por ter un deseño chulo e moverse ben coas aplicacións e requerimentos habituais. A cámara é quizais o peor aspecto deste modelo, pero para unha perspectiva xeral é máis que abonda, aínda que ficará varios pasos por detrás das exixencias das usuarias que dan moita importancia a este aspecto.
Está dispoñíbel con carcasas en 4 cores (negro, rosa, amarelo e branco) por 169 €, un prezo moi interesante para un produto destas características.