Nos últimos anos a estratexia comercial de Samsung caracterizouse por lanzar ao mercado un amplísimo número de trebellos de todas as formas e gustos. Isto podería ter sentido pensando en inundar de opcións e formas adaptadas a todos os gustos e usuarias, mais tamén xeraba confusións ante tanta escolla.
Pero iso xa é pasado, e nos últimos meses están a centrarse nuns poucos produtos, moito máis coidados e con aspectos diferenciadores. Entre eles está o Galaxy A5, un gama media pensado para un público mozo e dinámico, mais que polo seu deseño e comportamento podería pasar por un gama alta da xeración anterior.
Deseño, acabado e conexións
O Galaxy A5 supón, xunto aos outros trebellos da gama Galaxy A, unha evolución de deseño e acabados. Déixase de lado – por fin – o plástico e apostan por aluminio, un material que consegue unha sensación moito máis premium.
As formas rectas coas esquinas lixeiramente redondeadas fan que sente moi cómodo na man, aínda que a isto tamén inflúe o perfil do dispositivo, xa que ten tan só 6,7 mm de grosor.
Na parte frontal temos a pantalla, e sobre ela o altofalante principal e os sensores, xunto a cámara dianteira. Na parte inferior está o habitual botón central de Samsung e a ambos lados deste, capacitivos e situados fóra da pantalla, os de atrás e multitarefa. No lateral esquerdo atopamos os botóns de control de volume e do outro lado o de acendido, xunto ás bandexas extraíbeis das tarxetas nanoSIM e microSD. Na parte de abaixo temos o microUSB e o jack 3.5 de audio.
Pasando á parte de atrás, a cámara fica no medio do dispositivo, co flash á esquerda e un altofalante secundario á dereita. A integración deste pareceunos un pouco forzada, porque rompe coa estética xeral do dispositivo, pero o certo é que non o afea.
Pantalla
A pantalla é un panel SuperAMOLED HD (1280 x 720 píxeles), o que nos dá unha resolución de 294 ppp. Achega unha boa visión dos contidos, malia estar por baixo dos 500 que xa estamos a ver nos paneis que integran os gama alta actuais.
Destaca especialmente pola viveza das súas cores e a claridade, ademais de contar cun amplo ángulo de visión. De xeito nativo integra o que chaman ‘Adaptive Display’, un sistema que axusta automaticamente a nitidez, definición e saturación nalgunhas aplicacións para disfrutar de xeito óptimo do seu contido.
Sistema operativo
Vén con Android 4.4.4 KitKat, sorbe o cal implementaron a capa TouchWiz, personalizando Android coa estética habitual de Samsung. Como novidades atopamos os temas e funcionalidades que até o de agora estaban restrinxidos a outras gamas, como a multiventá, que nos permite disfrutar de dúas aplicacións a un tempo, aínda que non todas son compatíbeis.
As persoas máis puristas botarán de menos que os botóns de inicio e atrás non sexan tipo software e estén integrados na pantalla, xa que en certa maneira supón un pequeno atraso o feito de que sexan físicos, aínda que isto é cuestión de acostumarse.
Cámara
A cámara principal ten un sensor de 13 megapíxeles, con flash LED, cuxas imaxes son de boa calidade e con cores naturais en practicamente calquera situación. É moi rápida no enfoque e permite diversos modos para ampliar as posibilidades, podendo descargar máis desde a tenda de aplicacións de Samsung.
A cámara frontal é de 5 megapíxeles, neste caso sen flash, e dispón de diferentes modos que nos permitirán sacar mellores selfies, incluíndo un de selfies panorámicos.
No noso perfil de Flickr podedes ver unhas cantas imaxes tomadas con este dispositivo.
Batería
A batería é interna e non intercambiábel; ten unha capacidade de 2300 mAh, que traducido a horas de uso real equivale a algo máis dun día, aínda que se temos pensado andar fóra da casa o mellor é que pase polo cargador á noite.
Integra un modo aforro de enerxía grazas ao cal podemos aumentar as horas de vida a cambio de perder conectividade de datos e transforma a pantalla a escala de grises.
Conclusións
As especificacións do Galaxy A5 complétanse cun procesador Qualcomm Snapdragon 410 a 1,2 GHz, con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de aaté 64 GB. Ten capacidades 4G.
A experiencia de uso é moi boa, funciona con total fluídez e móvese rapidamente e sen atrasos, satisfacendo con creces o que pode agardar un usuario medio.
O Galaxy A5 é o terminal que moitas estabamos esperando de Samsung como opción intermedia por baixo da saga Galaxy S. Podémolo mercar en diferentes establecementos, a partir de 340 euros.