Analizamos o LG G Flex 2

Un teléfono con pantalla curva? Esa foi a pregunta que nos fixemos moitas cando o ano pasado LG sorprendía cun teléfono con pantalla curva e, non contentos con iso, flexíbel: o LG G Flex. O trebello foi claramente unha demostración de forza, dicir ao público “isto é o que podemos facer”, malia que moitos aspectos eran claramente mellorábeis, entre eles a calidade da súa pantalla.

lg g flex 2

Un ano despois temos nova versión, o LG G Flex 2, que mellora os aspectos máis febles do primeiro modelo e actualiza as compoñentes hardware internas. O resultado? Un produto que pode ter a consideración de comercializábel para todos os públicos.

Deseño, acabado e conexións

O G Flex 2 ten un tamaño máis compacto ca o G Flex orixinal, ligado a que tamén reduce a pantalla. Isto fai que resulte bastante máis cómodo na man e manexábel, ao que hai que sumar a política de marcos reducidos que está a caracterizar os últimos deseños do fabricante surcoreano.

Nos materiais predomina o plástico, cunha pequena banda metálica lateral, practicamente anecdótica. Dispón do sistema de autorreparado de pequenas rabuñadas, o que garante que teremos o dispositivo ‘como novo’ durante máis tempo. Iso si, non autoamaña as incisións.

lg g flex 2 - 3

A tapa traseira é extraíbel, pero unicamente para introducir a SIM e a tarxeta microSD de expansión de memoria, posto que a batería é fixa. Na liña dos últimos produtos da marca, os botóns fican na parte traseira do terminal, xunto á cámara, flash LED e láser de autofocus, mentres que na parte superior está o sensor de infravermellos e no inferior o microUSB e jack 3.5.

Pantalla

A pantalla era un dos aspectos que máis decepcionaron no modelo orixinal, que tiña 6 polgadas e unha resolución 720p. Pola contra, o G Flex 2 dispón dunha evolución da tecnoloxía P-OLED (OLED plástico) en 5,5 polgadas e cunha resolución FullHD 1080p. A mellora é moi sustancial e desde logo nótanse as melloras a simple vista, aínda que é unha tecnoloxía que fica un paso un paso por detrás das mellores pantallas que estamos a ver este ano.

lg g flex 2 - 2

Vese moi ben en exteriores, sen facer cambios de tonalidades artificiosos, polo que é un teléfono do que podemos disfrutar en todo tipo de condicións. A súa curvatura é quizais o factor máis relevante, e desde logo resulta toda unha marabilla para consumirmos calquera contido en horizontal, sexan vídeos, lecturas ou videoxogos.

Sistema operativo

O G Flex 2 vén con Android 5.0.2 Lollipop e a capa de personalización de LG, que non é invasiva en exceso e recolle moitos aspectos de 5.0 tal cal saíron. Na mesma liña, tampouco incorporan moitas aplicacións preinstaladas, de tal xeito que o dispositivo non vén cargado de software que pode que nunca cheguemos a usar.

Relativo á pantalla, temos os dous toques de activación e desactivación, que son moi cómodos e adictivos. Tamén ten unha funcionalidade moi chula para todas aquelas persoas que están sempre pendentes das notificacións ou miran a hora: coa pantalla apagada, arrastrando o dedo desde a parte superior acéndese unha pequena parte, que nos permite ver a barra de notificacións e o reloxo.

Cámara

A cámara principal ten un sensor de 13 megapíxeles, con estabilizador OIS, flash LED e láser de autofocus, grazas ao cal as imaxes saen máis nítidas. O sensor da cámara frontal é de 2,1 megapíxeles.

Sorprende que non dispón de multitude de modos especiais, mais aló do automático, panorámico ou HDR, aínda que o certo é que se adapta bastante ben a calquera entorno sen tocar nada. Visto agora como foi a evolución do novo G4 neste sentido, imaxinamos que seguintes versións terán opcións manuais.

A frontal ten a opción de disparo xestual, o que nos permite facer un aceno coa man e ter 3 segundos para preparanos para sacar un selfie sen ter que andar pendentes de premer botóns.

En calquera caso, deixámosvos unha mostra de fotografías para que poidades ver como se comporta a cámara en diferentes ambientes.

Batería

Como xa comentamos, malia que a tapa traseira é extraíbel, non así a súa batería, que ten unha capacidade nominal de 3000 mAh. Na semana e pico de uso que lle demos conseguimos unha autonomía real de día e medio, o cal está bastante ben tendo en conta que a medida “un día” é o que vén sendo habitual.

Conclusións

O hardware do G Flex 2 está a altura dun dispositivo de gama alta; no seu interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 800 de 64 bits a 2 GHz, 2 GB de memoria RAM e opcións de 16 e 32 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de até 128 GB. É un dispositivo que está á altura do que se agarda dun trebello das súas características en canto a rendemento, e a pantalla curva é un punto ao seu favor en canto a mellora da experiencia de usuario final nesa disputada gama alta.

O LG G Flex 2 custa 599 € no mercado libre, aínda que en R, que nos prestou esta unidade para poder facer a análise, teno á venda desde os 19 €/mes (total 465 €). No seguinte cadro podedes ver todas as opcións da operadora galega.

r g flex 2

Que vos parece?

Sobre o autor

Reply