Google amosa a nova versión de Android: Android M

android m

No Google I/O 2014 Sundar Pichai amosou unha preview de Android 5.0 (Lollipop) e este ano vén de facer o propio coa próxima versión, polo momento sen nome doce, á que se referiron como Android M.

Polo que puidemos ver, Android M non sufrirá grandes cambios estéticos como os que supuxo no seu momento Lollipop, senón que máis ben é unha versión intermedia que mellora puntos febles e engade opcións que melloran a experiencia de usuario, en grande medida ligando isto á seguridade.

android m 2

Entre as novidades teremos melloras na xestión da RAM e a posibilidade de decidir se damos acceso ou non aos permisos que solicita cada aplicación instalada no noso trebello de xeito individual (é dicir, podemos aceptar que use a cámara, pero non a localización ou contactos, por exemplo). Ademais tamén anuncian unha nova experiencia web con pestanas personalizadas en Chrome e as ligazóns entre apps (por exemplo unha ligazón a Instagram ábrese en Instagram, etc).

Así mesmo, Android M engade o soporte nativo para pegadas dactilares, algo moi ligado ao tamén recén presentado Android Pay, e corrixe o tema do control de volume, que foi moi criticado pola comunidade en Lollipop.

Para todas aquelas persoas que queiran probar a preview, estará dispoñíbel desde hoxe mesmo para Nexus 5, Nexus 6 e Nexus 9 na web de desenvolvedores.

Sobre o autor

No Responses

Reply