En Mallando no Android somos fans de Google Now por todas as posibilidades que ofrece e a xenial integración entre ferramentas que empregamos a diario, até o punto de servirnos de organizador persoal e asistente.
O Google I/O deste ano, ademais de deixarnos novidades como a preview de Android M, Android Pay ou Google Photos, tamén serviu para amosar o que poderemos agardar de Google Now na próxima versión de Android. E é que Google quere anticiparse (aínda máis) ao noso pensamento e ofrecernos ao momento o que buscamos, co que chaman Google “Now on tap”.
Now on tap pretende responder a consultas rápidas con tan só manter pulsado o botón Home, sen importar se estamos dentro dunha app ou na pantalla principal. Mais se cadra, o máis relevante é que será capaz de ofrecer información baseándose no contexto (por exemplo, dicirnos quen é o autor dunha canción que esteamos escoitando se lle preguntamos) ou abrir as aplicacións correspondentes aos resultados, unha funcionalidade moi demandada polas usuarias.
Todas as novidades do novo Google Now chegarán con Android M durante o terceiro trimestre do ano, así que xa vai faltando menos 🙂