Samsung Galaxy Tab A, a nova tablet de Samsung

samsung galaxy tab a

Samsung vén de anunciar unha nova tablet, a Samsung Galaxy Tab A, un trebello pensado para toda a familia e que está dispoñíbel en tres acabados: un modelo estándar, outro que integra o S Pen e un terceiro con conectividade 4G.

Entre os seus puntos fortes están o deseño, con tan só 7,5 mm de grosor, e o formato de pantalla, apostando polos 4:3, unha relación que se está a popularizar entre as tablets de 8 – 9 polgadas. Ten ademais cámaras de 5 e 2 megapíxeles, procesador Quad Core a 1,2 GHz, 1,5 ou 2 GB de RAM (depende do modelo), 16 GB de memoria interna con ranura microSD para ampliar até 128 GB extra, pantalla de 9,7 polgadas e batería de 6000 mAh.

Mais a aposta de Samsung está no software; partindo de Android 5.0 – Lollipop, a compañía ofrece toda unha serie de aplicacións para sacarlle todo o partido ao dispositivo: desde as ferramentas de produtividade de Microsoft (Word, Excel, PowerPoint, OneNote, OneDrive e Skype) aos Galaxy Gifts, agasallos en forma de apps nos que se inclúe unha suscrición anual a Orbyt, 3 meses de Yomvi Play, Just Eat ou Hancom Office.

Ademais, a tablet permite configurar até 8 usuarias, o que fai que sexa un dispositivo axeitado para compartir na casa. Ten opción multiwindow para poder empregar dúas aplicacións a un tempo e un “modo nenos” para que as pícaras poidan sacarlle todo o partido baixo tutela.

A Samsung Galaxy Tab A pódese mercar nun abano de prezos que vai desde os 299 € do modelo WiFi aos 369 € no que incorpora conectividade 4G. No medio, a opción con WiFi e S Pen por 349 €.

Sobre o autor

Reply