Mininovas Android: a malla da semana

Google Maps, agora con información do transporte público en tempo real

maps transporte publico tempo real

Google segue a mellorar pouco a pouco Maps, unha das mellores aplicacións que temos nos nosos Android. Desta vez, a novidade é que a partir de agora amosará o tempo de espera que teremos que agardar en moitas paradas de autobús, tren e metro de todo o mundo.

Desafortunadamente, a inclusión das opcións de transporte público en Galiza no Google Maps aínda está algo verde, mais en moitas cidades do estado funciona ás mil marabillas. Na actualidade máis de 18.000 cidades e vilas de 64 países dispoñen de información sobre o transporte público en Google Maps. En total hai máis de 2.500.000 millóns de paradas!

Filtradas as especificacións do novo Honor 7

honor 3c dual tras

O vindeiro luns Honor, a marca europea de Huawei, presentará un novo dispositivo, e todo parece indicar que se tratará do Honor 7. A través dunha filtración da entidade certificadora chinesa, TENAA, somos quen de adiantar moitas das especificacións coas que contará este dispositivo: pantalla de 5 polgadas con resolución FullHD (1920 x 1080), procesador Kirin 935 de 8 núcleos, 4 GB de memoria RAM, até 64 GB de almacenaxe interno, cámaras de 13 e 5 megapíxeles e batería de 3280 mAh. Non pinta mal, verdade?

Asus actualiza os Zenfone 4, 5 e 6 a Android 5.0 Lollipop

zenfone4

Ademais de presentar novos trebellos esta semana, Asus vén de lanzar a actualización a Android 5.0 – Lollipop dos para os modelos Zenfone 4, Zenfone 5 e Zenfone 6. O novo software chegará a través dunha OTA.

Microsoft WiFi: máis de 10 millóns de puntos WiFi para conectarse arredor do mundo

microsoft wifi

Microsoft vén de anunciar que en breve activará un novo servizo, Microsoft WiFi, do que poderemos gozar desde os nosos trebellos (por suposto, tamén desde os nosos Android). Trátase dunha rede WiFi con máis de 10 millóns de puntos de acceso distribuídos por todo o mundo, que poderán usar as usuarias de Office 365 para empresas, de Skype WiFi e a través doutras promocións da compañía. Toda a información, así como un mapa informativo coa localización dos puntos, estará dispoñíbel nesta páxina web. Será preciso instalar unha aplicación, Microsoft WiFi, para poder conectarnos.

Barcelona postúlase como cidade candidata a albergar o MWC até 2023

fira barcelona mwc 2015

Como xa temos comentado no blog, o GSMA, organizadora do Mobile World Congress (MWC), decide cada certo tempo onde se celebrarán as seguintes edicións. Nos últimos anos, cada vez que houbo unha renovación Barcelona saíu elixida e, polo tanto, albergará a feira até o 2018. A partir de aí está por decidir, e case damos por seguro que cidades como Milán ou Berlín tratarán de roubar a Barcelona a feira.

Esta semana Xavier Trías, alcalde en funcións de Barcelona, firmou a proposta económica para renovar a candidatura de Barcelona a seguir sendo a cidade que acolla o MWC até 2023, coa presenza de Ada Colau, líder de Barcelona En Comú e (segundo parece) futura alcaldesa da cidade desde o 13 de xuño. A nova é relevante porque Colau amosárase crítica con este tipo de feiras por considerar que non son un modelo sostíbel para a cidade.

Acudiron á firma todos os partidos que conseguiron representación nas eleccións do 24 de maio (CiU, Barcelona en Comú, PSC, ERC, PP, C’s) agás as CUP.

 ‘A miña conta’, o espazo para manter segura a nosa conta de Google.

micuenta google

Na nosa conta de Google temos practicamente toda a nosa vida dixital: o noso correo electrónico, as citas do calendario, os lugares que visitamos, a axenda de contactos, as notas, fotos e documentos… por iso é básico e fundamental térmola ben asegurada e seguir unhas pautas que axuden á confidencialidade.

Para pór nun único sitio todas as opcións de seguridade relativas á nosa conta de Google, os de Mountain View veñen de lanzar “A miña conta”, un espazo no que podemos controlar o acceso e comprobar se temos tomadas as precaucións axeitadas. Podedes vela nesta ligazón.

YouTube actualízase con soporte para vídeos 360º en CardBoard

google cardboard

Google vén de actualizar a aplicación de YouTube para facer compatíbeis as Google Cardboard (os lentes de realidade virtual low cost) con ela e podermos disfrutar dos vídeos en 360º. Tras montar os lentes, tan só teremos que ir á app de YouTube, acceder á canle 360video (buscando #360vídeo) e meter o teléfono no artiluxio. Xa só nos queda disfrutar do contido como nunca!

O mellor 4G chegará en outono

antena mobil

Malia que Vodafone, Movistar e Orange xa teñen as frecuencias de 800 MHz dispoñíbeis tras a liberación do espazo para a TDT, todas elas decidiron agardar a outono para facer o acendido. O retraso prodúcese porque queren agardar a que estea en marcha o organismo que se encargará de resolver as posíbeis interferencias entre a TDT e as bandas de móbil. As bandas de 800 MHz son as mellores para os servizos 4G, xa que teñen unha mellor penetración en interiores e acadan maiores distancias con menos antenas.

Sobre o autor

Reply