Hoxe tocou keynote de Apple, un evento no que a compañía presentou numerosas novidades que demostran que a competencia entre Google e Apple é boa, pois serve para que ambas empresas se poñan as pilas e teñamos un par de sistemas operativos moi potentes, que ao fin e ao cabo é o que beneficia ás usuarias.
Mais de todo o presentado hai algo que chamou a atención dos androides, pois a compañía da mazá vén de anunciar o seu moi rumoreado servizo musical, Apple Music, que chegará en outono e tamén estará dispoñíbel en Android.
Apple Music é un servizo de suscrición musical en streaming, semellante a Spotify, co que queren dar un novo impulso á música logo de que iTunes teña pasado a un segundo plano pola caída nas vendas. Ademais de catálogo, contará cun sistema de radio global e recomendacións baseadas no que escoitamos e no que escoitan outras persoas. Tamén terá un servizo chamado Connect pensado para “pór en contacto” a artistas e fans.
As previsións da compañía son moi altas, pois aspiran a conseguir nada menos que 100 millóns de usuarios de pago (custará 9,99 €/mes), que son 85 millóns máis dos que acadou Spotify, o grande referente. Haberá 3 meses de proba gratuítos, tras os cales as usuarias poderán elixir se continuar ou deixar de empregar o servizo.
Que vos parece? Acabarán matando a Spotify?