Microsoft ten todo preparado para o lanzamento de Windows 10

29 de xullo. Esa é a data marcada en vermello na sede de Microsoft, o día no que se lanza oficialmente Windows 10, a versión que máis está a dar que falar antes do seu lanzamento. E é que, deixando de lado os aspectos técnicos, unha novidade non menos importante é que por vez primeira a compañía permitirá actualizar de xeito gratuíto ás usuarias con licenzas legais de Windows 7 en adiante, aínda que cómpre aclarar que durante un período promocional.

caixa windows 10

Porén, é posíbel que non todas sexamos quen de descargar o software desde o primeiro momento, pois van a facer unha distribución escalonada (semellante ás OTA), comezando por aquelas persoas que participaron no programa de betatesteo. Doutra banda, pensando nas nostálxicas, a compañía de Redmon tamén levará Windows 10 ás tendas en formatos físicos, tanto en chaves USB como en caixas vintage que inclúen os DVD, cuxo deseño foi filtrado, como podedes ver na imaxe.

Microsoft  é o rei indiscutíbel dos sistemas operativos nos computadores, mais fáltalle dar un pulo á converxencia entre produtos e trebellos para dar a batalla no móbil fronte aos ecosistemas Android e Apple, xa moi consolidados. Windows 10 está moi ben posicionado para conseguilo, pois Microsoft axudouse moito da comunidade de desenvolvedores para sacalo adiante, algo que tamén se evidenciará o día do lanzamento con “install parties” en cidades de todo o mundo.

Nos próximos meses veremos unha importante campaña de márketing en diversos formatos, incluíndo anuncios en TV desde o día 29. Así mesmo, non debemos perder detalle dos eventos tecnolóxicos que temos por diante no que queda de ano, como o IFA de Berlín, onde está previsto un golpe de efecto de Microsoft con múltiples presentacións, incluíndo os novos Lumia.

Como comentabamos, a actualización a Windows 10 será gratuíta para moitas usuarias, aínda que a licenza estándar ascenderá aos 119 € (versión Home) ou 199 € (versión Pro).

Sobre o autor

Reply