Sen facer moito ruído, Samsung presentou hoxe a nova xeración de tablets Tab S, a súa gama alta neste tipo de trebellos que, malia ter perdido protagonismo nos últimos meses fronte os smartphones de gran tamaño e os netbooks, seguen a dar que falar.
En concreto estaríamos falando das novas Galaxy Tab S2 9,7 e Galaxy Tab S2 8.0, dous modelos cuxa maior diferenza é o tamaño da súa pantalla, ofrecendo así dúas alternativas para adaptarse aos diferentes gustos das usuarias.
Os novos dispositivos teñen una liña continuísta no deseño, sendo ademais referentes por un grosor case anecdótico (5,6 mm) e un peso que vai na mesma liña: 389 gramos na versión de 9,7 polgadas e 260 na de 8.0.
En canto ás especificación técnicas máis básicas, ambas as dúas contan con pantallas de resolución 2048 x 1536 píxeles e un formato de pantalla 4:3, procesador Exynos 7420 (octa-core de 64 bits a 1,9 GHz), 3 GB de memoria RAM, opción de 16 ou 32 GB de memoria interna e cámaras de 8 e 2,1 Mpx. A batería da máis grande é de 5870 mAh, mentres que na pequeña redúcese a 4000 mAh.
Poucas sorpresas temos no apartado de software, integrando Android 5.0.2 coa personalización e utilidades que introduce Samsung en TouchWiz. Ademais, na liña dos últimos trebellos da compañía, traerán preinstalado software de Microsoft, como o Office, e un acordo que permite disfrutar de 100 GB de almacenaxe en OneDrive por 2 anos.
Fálase de que a Galaxy Tab S2 9,7 custaría 499 € na súa versión WiFi e 579 € na LTE – 4G. A súa irmá pequena baixaría até os 399 € (WiFi), mais non se cita a existencia dun modelo 4G.
Que pinta vos teñen?