Euskaltel, radiografía do novo dono de R

euskaltel

O xoves pasado soubemos que Euskaltel, a operadora de cable de Euskadi, facíase co 100% da galega R por un montante que ascende a 1.155 millóns de euros. Mais, que sabemos de Euskaltel? Quen está detrás desta compañía?

Euskaltel e R teñen moitas características semellantes e unha traxectoria empresarial máis ou menos paralela no aspecto tecnolóxico, aínda que non no aspecto do accionariado, xa que historicamente os accionistas de R foron moito menos fieis coa empresa ca os da compañía vasca. Hoxe en día Euskaltel defínese como un operador de telecomunicacións que ofrece servizos de “cuádruple play” (Internet de banda larga, telefonía fixa, telefonía móbil e televisión dixital).

Leva investidos uns 1.866 millóns de euros en Euskadi (isto supón en media 860 euros por habitante) para ofrecer os seus servizos e tecer, entre outras cousas, unha rede de fibra óptica que suepra os 346.000 quilómetros de fibra óptica que poden contratar 834.509 fogares e 156.774 empresas. Ten 346 postos de traballo directos e xera arredor de 2.000 indirectos.

A súa historia comeza en 1992, cando o Goberno vasco creou Euskalnet para tecer unha rede de comunicación por fibra óptica que conectase edificios públicos (sedes do goberno, universidades, hospitais…), mais tras ter conseguido este cometido comezou a preparar o terreo para abrir a rede ao público, primeiro nas capitais de provincia (Bilbo, Donostia e Vitoria-Gasteiz) e logo noutros concellos.

Porén, en 1995 creouse a marca / empresa Euskaltel, participada nun 40% polo Goberno (a parte que viña de Euskaltel) e nun 60% polas caixas de aforro BBK (Bizkaia), Kutxa (Gipuzkoa) e Vital (Araba/Álava). A apertura a inversores privados fíxose coa premisa inicial de manter un 51% da propiedade en mans do Goberno e das caixas e un 49% para outros, aínda que finalmente esta última cifra rebaixouse a un 25%, entrando a formar parte do accionariado Iberdrola, Endesa e o Grupo Mondragón.

Entre as curiosidades do operador está que foi un dos primeiros en integrar telefonía móbil, pois aínda que non estaba constituído como OMV tiña un acordo coa Amena “pre Orange” para comercializar a través de Euskaltel os servizos de telefonía móbil. Porén, ao facerse Orange coa marca Amena, Euskaltel decidiu en 2006 romper o contrato e constituírse como operador móbil virtual, pretendendo levar os 450.000 clientes (un 27% da cota de mercado en Euskadi) a Vodafone e deixando, literalmente, a Orange cunha infraestrutura montada e sen usuarios.

A guerra entre as dúas compañías foi bastante curiosa: Euskatel dicía que as usuarias contrataran con eles os servizos, polo que eles tiñan os contratos e datos bancarios que non cederon a Orange. Orange, por outro lado, sostiña que os clientes eran seus, porque as tarxetas SIM e o control das mesmas eran da compañía e, polo tanto, Euskaltel non tiña acceso aos datos de consumo para facturar. Así foi como Orange comezou a chamar ás usuarias para que fosen por unha tenda formalizar o contrato para obter os datos bancarios e Euskaltel fixo algo semellante para que mudasen de SIM e seguir na compañía vasca. A CMT interviu para que cada quen decidise en que compañía quería quedar, e a maioría elixiu Euskaltel. Pola súa banda, non contenta, Orange puxo unha denuncia en competencia, que supuxo unha multa de 222 millóns de euros a Euskaltel (6 veces o beneficio anual da compañía).

No repardo do espectro de 2011 conseguiu unha licenza de 10 MHz na frecuencia de 2600 MHz que non usou, e ao rematar o contrato con Vodafone en decembro do 2013 decidiu non renovar e pasar a empregar a cobertura de Orange, con quen firmou un novo acordo e terá acceso ao 4G neste 2015. Hai quen di que este cambio de rede é para reducir o montante da multa, aínda que ese contrato é interno e non se coñece.

No 2012 Endesa e o Grupo Mondragón desfixéronse da totalidade das súas accións, e o Goberno vasco e Kutxabank (resultado da fusión das caixas de aforro vascas) dunha parte delas, quedando co 49,99%. O resto foi mercado polos fondos de risco Trilantic e Investindustrial por uns 200 millóns de euros.

O ano pasado, 2014, convertéronse no primeiro operador en ofrecer velocidades de 250 Mbps en Euskadi, aínda que na actualidade xa dispoñen de conexións de 350 Mbps. Así mesmo, tamén asinaron un contrato por 10 anos coa chinesa ZTE para a colaboración na xestión das súas redes.

O 1 de xullo a compañía vasca deu un novo paso ao comezar a cotizar en bolsa, cun prezo de saída de 9,50 € por acción. Este movemento serviu para conseguir fondos para os movementos que tiña/ten por diante (compra de R e… Telecable?), situándo o reparto accionarial do seguinte xeito

  • 41,41 % – Bolsa e pequenos accionistas
  • 30,10% – Kutxabank
  • 8,02% – Corp. Financiera Alba (Grupo March)
  • 5,00% – JP Morgan Chase
  • 4,82 % – Franklin Mutual
  • 3,65% – Citigroup
  • 3,59% – Blackrock
  • 3,41 % JP Morgan Asset Management

Como xa é sabido, o 23 de xullo Euskaltel fíxose coa totalidade de R; a compañía galega era propiedade nun 70% do fondo de investimento CVC e nun 30% de Abanca. O acordo, ademais de cartos en efectivo, tamén implica accións en Euskaltel, polo que tanto CVC como Abanca teñen agora unha parte de Euskaltel, aínda que de momento non se fixo pública a porcentaxe.

Sobre o autor

Reply