Hai uns días soubemos que Yoigo ten pensado descatalogar a súa tarifa Sinfín o 3 de setembro, que ofrece 20 GB de navegación 4G a máxima velocidade e chamadas ilimitadas por 29 euros, o máis próximo a “datos ilimitados” que vimos até o de agora nas compañías que operan no noso país.
Porén, a compañía ten previsto anunciar unha nova tarifa que a veña a sustituír e que se axuste mellor ao consumo real que fan os clientes da compañía. Isto fainos pensar nunha nova tarifa con chamadas ilimitadas, algo que se ten convertido nun estándar, e unha menor cantidade de datos incluídos, o que levará a que por forza teña un prezo inferior aos 29 euros, xa que calquera cuantía semellante ou superior tería unha recepción negativa entre a clientela da compañía.
En calquera caso, cómpre lembrar que na actualidade Yoigo é un dos operadores con mellores tarifas para aquelas usuarias que desexan un gran volume de datos. Así, a tarifa La del 5 inclúe por 19 €/mes 5 GB a máxima velocidade, aos que hai que sumar 100 minutos para facer chamadas.