Hoxe queremos achegarvos a SanDisk Ultra Dual, unha memoria externa que ten como principal característica o seu dobre conector, por unha banda USB 3.0 e por outra microUSB.
Grazas aos seus conectores, e se temos un terminal compatíbel (OTG) como son a meirande parte dos Android, podemos intercambiar arquivos entre dispositivos dun xeito doado, rápido e sen consumo excesivos de datos ou batería. As combinacións son moitas: smartphone – smartphone, smartphone – PC, PC – smartphone ou PC – PC.
Tras estala probando durante unhas semanas, atopamos que se trata dun trebello moi útil para todas as usuarias que non usan dun xeito intensivo a nube ou que queren ter unha copia de seguridade nun formato físico. Mais outra gran utilidade é, no caso das fotos, poder transferir entre o smartphone e o PC as imaxes de xeito rápido e seguro, sobre todo cando o volume de imaxes é alto (como pode ser despois dunhas vacacións) e non queremos estar pendendes da sincronización a través de aplicacións na nube, como podería ser o caso de Dropbox.
Como principais especificacións podemos destacar o seu tamaño compacto (11.0 x 19.8 x 36.6 mm), facilmente transportábel nun chaveiro, bolso ou carteira, e xa máis tecnicamente a velocidade de trasnsferencia, que acada até 130 MB/s se empregamos o USB 3.0.
Como é habitual neste tipo de accesorios, temos 5 anos de garantía, e podemos escoller até tres versións segundo a capacidade de almacenaxe: 16, 32 ou 64 GB. Por poñer un exemplo, a versión de 16 GB está por baixo dos 10 € en diversas tendas, como a que vedes nesta ligazón.
A idea é boa, o problema é que non funciona en moitos teléfonos 🙁