Este verán está sendo moito máis interesante do habitual en canto a número de presentacións, algo que nos fai presaxiar unha IFA descafeinada en canto ao mundo Android, dado que se espera un forte desembarco de Microsoft e partners con produtos que integran Windows 10, que poderían eclipsar calquera outro anuncio.
Un dos que se adianta é Asus, que vén de dar a coñecer dous novos trebellos, o Asus Zenfone Max e o Asus Zenfone 2 Deluxe, dispositivos diferentes e curiosos por diferentes motivos.
Asus Zenfone Max
O Zenfone Max incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con protección Gorilla Glass 4. No seu interior temos un procesador Snapdragon 410, 2 GB de memoria RAM e cámara principal de 13 megapíxeles, cunha apertura f/2.0 e láser autofocus con flash LED.
Mais o que fai diferente a este trebello é a súa batería, de 5000 mAh, que garante unha autonomía bastante superior ao habitual. Ademais, pódese empregar como power bank, xa que acepta que outros dispositivos poidan ser cargados a partir da súa batería interna.
Asus Zenfone 2 Deluxe
Por outra banda, o Zenfone 2 Deluxe é unha versión actualizada do Zenfone 2, un dispositivo que no seu momento destacou polas súas prestacións, nas que se inclúe un procesador Intel Z3580 con arquitectura de 64 bits, 4 GB de memoria RAM, pantalla IPS de 5,5 polgadas, cámaras de 13 e 5 megapíxeles e batería de 3000 mAh.
A gran diferenza da versión Deluxe sobre a estándar radica na almacenaxe interna, que sube até os 128 GB, o que multiplica as posibilidades para as usuarias que máis necesidade teñen de memoria para os seus arquivos.
Prezos e dispoñibilidade
Ambos os dous trebellos chegarán nun primeiro momento ao mercado indio, e non hai novas sobre a súa posíbel comercialización no mercado europeo. Ao cambio, o Zenfone Max custará uns 200 €, mentres que o Zenfone 2 Deluxe acadará uns 330 €.