A tecnoloxía é unha gran aliada para as persoas con discapacidade, conseguindo mellorar as súas vidas de maneira moi notoria. Os wearables non podían ficar alleos a estas capacidades e o exemplo que traemos hoxe, o smartwatch Dot, é unha boa mostra dilo.
Dot está pensado para as persoas que padecen discapacidade visual, levando a linguaxe Braille ao reloxo a través dun sistema que levanta ou oculta os puntiños típicos desta linguaxe, permitindo amosar até catro letras ao mesmo tempo.
A comunicación co smartphone faise a través do Bluetooth, e precisa ter instalada unha aplicación propia que se encarga de facer a tradución do texto que se remite ao reloxo a Braille. Do pouco que se coñece das súas especificacións técnicas cabe destacar a autonomía, dunhas 10 horas, que se ben non é unha gran marabilla pode chegar ás usuarias para cubrir as necesidades dun día.
Polo de agora comercialízase en Corea do Sur, aínda que en breve chegará aos Estados Unidos por uns 300 dólares. O máis seguro é que este primeiro modelo non chegue a Europa, pero seguramente o farán próximas versións, chamadas a eliminar as barreiras tecnolóxicas para conseguirmos o necesario acceso universal aos trebellos.