Google, Ford, Mercedes-Benz, Tesla… son varias as compañías que están a experimentar con coches autónomos, vehículos equipados de tecnoloxía abonda para poder trasladarse dun sitio a outro sen precisar máis iteración humana ca imprescindíbel para dicir onde se quere ir.
A todas elas súmase agora Apple, xa se ben xa había rumores agora véñense de confirmar a través duns documentos aos que tivo acceso o xornal británico The Guardian. Segundo esta información, os de Cupertino están a buscar lugares seguros na baía de San Francisco para probalo e xa teñen falado coa base GoMentum, un espazo en desuso desde a 2ª Guerra Mundial e de acceso restrinxido que conta con máis de 30 quilómetros de estradas e rúas, o lugar perfecto para probas deste tipo de vehículos.
Semella que neste eido imos contar con tres grandes proxectos diferenciados: por unha banda está Google, quizais a empresa que máis traballo ten adiantado no mapeado do planeta e cuxas probas están a dar moi bos resultados; por outro lado, os tradicionais fabricantes de coches, varios dos cales (BMW, Mercedes e Audi) se uniron para mercar Here Maps a semana pasada, servizo prestado até o de agora por Nokia, e, finalmente, Apple co seu novo (e aínda descoñecido) proxecto.
Desde logo trátase dun campo moi interesante, aínda que nós sentimos certa mágoa porque se perda a experiencia de conducir…. ou que chegue a pasar algo semellante a o que vimos na serie Silicon Valley, ollade o vídeo