Android One chega a África co Infinix Hot 2

Hai algo máis dun ano Google anunciou Android One, un proxecto que tiña como obxectivo levar trebellos básicos con Android stock a países en desenvolvemento, contribuíndo así a reducir a fenda dixital destes territorios.

Tras un éxito relativo destes trebellos en países asiáticos, Google vén de anunciar que nos próximos meses se producirá o desembarco en África, concretamente en seis países: Nigeria, Ghana, Costa do Marfil, Kenia, Marrocos e Exipto.

Android_One_Africa_v0.1

O trebello escollido é o Infinix Hot 2, que incorpora unha pantalla de 5 polgadas con resolución 1280 x 720 píxeles e no interior dispón dun procesador quad-core MediaTek, 1 GB de memoria RAM, cámara principal de 8 megapíxeles, dual SIM e radio FM. Vén con Android 5.1.1 Lollipop, aínda que recibirá actualización ao aínda non presentado Android 6.0 Marshmallow.

Ademais, a aplicación de YouTube que levan preinstalada permite gardar os vídeos vistos nunha especie de buffer, podendo ser consultados de novo no trebello durante as 48 horas seguintes a cando foran vistos.

Estarán dispoñíbeis en diversas cores (negro, branco, vermello, azul), habendo incluso unha versión dourada con 2 GB de RAM, por un prezo que ronda os 80 euros ao cambio.

Sobre o autor

Reply