Google segue tentando mellorar Android Wear, e por iso vén de anunciar unha nova actualización do sistema operativo para os wearables, que se ben non é grande si que incorpora toda unha serie de pequenas melloras que fan dos nosos gadgets unhas ferramentas moi útiles. As principais son estas:
Watchfaces interactivas
A primeira gran novidade é a incorporación de watchfaces interactivas, que no canto de manterse estáticas poden amosar máis información ou abrir aplicacións. Como exemplos temos estas tres:
- Bits (Play Store). A máis orientada a produtividade, con acceso rápido a diversa información.
- Under Amour (Play Store). Para as amantes do deporte, como alternativa a Google Fit.
- Pujie Blank (Play Store). Pensada para ver dunha ollada todos os eventos do calendario.
- Together. Non é tanto unha watchface, senón un espazo de comunicación entre dúas persoas, permitindo compartir información, imaxes… entre dous contactos. Hai máis info nesta ligazón.
Google Translate
Outra novidade é a chegada de Google Translate, polo que simplemente falándolle ao noso móbil podemos ver a conversa traducida a algún dos 44 idiomas soportados para amosarllo á nosa interlocutora. Cando a outra persoa nos responde na súa lingua, xirando o pulso veremos a tradución.
Con todo, aínda vai haber que agardar un pouco para poder disfrutar de Google Translate no reloxo nos 90 idiomas que xa empregan en tradución de texto.
LG G Watch R con soporte WiFi
A última novidade é que o LG G Watch R xa se pode conectar á WiFi para recibir notificacións, enviar mensaxes ou consultar cousas en Internet cando esteamos na zona de cobertura das nosas WiFis de confianza, aforrando a conexión Bluetooth co smartphone.
Que vos parecen estas novidades? Semella que a competencia está facendo espabilar a Google, e iso é bo para todas.