Achegámonos ao Samsung Galaxy S6 Edge+

samsung galaxy s6 edge+ - 4

Hai uns días Samsung anunciou o agardado Galaxy Note 5, aínda que polo de agora non hai plans de que se comercialice no noso país. Xunto a el, o Galaxy S6 Edge+, o irmá maior do Galaxy S6 Edge que xa coñeciamos e que tan bo sabor de boca nos deixou cando o probamos. Onte tivemos ocasión de velo en persoa por vez primeira para ter unha primeira impresión del.

samsung galaxy s6 edge+ - 1

O Galaxy S6 Edge+ conta cunha pantalla QuadHD SuperAMOLED cunha resolución de 2560 x 1440 (518 ppi), curvada cara os dous lados. No interior, un procesador de 14 nm octa core (catro a 2,1 GHz e catro a 1,5 GHz), 4 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna. As cámaras son de 16 e 5 Mpx, ambas cunha apertura f/1.9.

Unha das melloras máis destacadas é o incremento da batería até os 3000 mAh, que haberá que ver como se comporta no día a día, pero segundo din mellora en eficiencia sobre a do irmán pequeno. Ademais é compatíbel cos sistemas de carga rápida e (como novidade) carga rápida sen fíos.

samsung galaxy s6 edge+ - 3

Outro dos cambios máis destacábeis foi na aplicación de xestión dos accesos directos na zona curvada, xa que ademais dos contactos agora tamén permite seleccionar unha serie de aplicacións, para telas sempre a man.

Seguindo co software, sobre Android 5.1 Lollipop temos TouchWiz e unha completa suite ofimática cos produtos Office grazas a un acordo de Samsung con Microsoft. Incorpora tamén a función Live Broadcast, que permite facer streaming de vídeo en directo a través de YouTube Live, enviándolle para iso a ligazón aos nosos contactos.

Accesorios

Ao igual que con modelos anteriores, Samsung elaborou unha serie de accesorios específicos para este trebello, entre as que atopamos fundas de diversos tipos, auriculares… e este particular teclado físico que funciona ao poñelo sobre a pantalla, sen ter que facer configuracións de conexión ou algo semellante.

samsung galaxy s6 edge+ - 2

Como curiosidade local tamén, comentaron que A Coruña destaca por ser un lugar no que xa se venden tantos teléfonos no mercado libre como a través de operadora, o que demostra que algo está a cambiar nos ámbitos de consumo.

O Samsung Galaxy S6 Edge+ atópase en proceso de precompra por 799 € (32 GB) ou 899 € (64 GB).

Sobre o autor

Reply